O PPdeOU conmemorou o 25N cun acto de apoio ás vítimas na rúa do Paseo

O Partido Popular de Ourense celebrou este luns na rúa do Paseo un acto con motivo do 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, no que lanzou unha “mensaxe de esperanza e apoio ás mulleres vítimas de violencia de xénero”. A iniciativa foi organizada pola Vicesecretaría de Igualdade e buscou visibilizar o compromiso do partido na loita contra esta “lacra social”.
O presidente provincial, Luis Menor, destacou durante a súa intervención que a violencia de xénero continúa sendo “unha das lacras sociais máis aberrantes que estamos a padecer actualmente”, subliñando a importancia de reforzar a prevención e a protección das vítimas.
No acto participaron tamén a vicepresidenta do PPdeOU, Marta Nóvoa; a secretaria provincial, Sandra Quintas, encargada da lectura do manifesto; e a vicesecretaria de Igualdade, Elena Freijedo. Menor agradeceu a implicación dos asistentes e sinalou que esta iniciativa reflicte a identidade “do noso partido: aberto, igualitario e real”.
Durante a lectura do manifesto, o PPdeOU insistiu na necesidade de que partidos políticos e administracións intensifiquen os esforzos contra a violencia machista, apostando pola coordinación institucional e por unha atención integral especializada que garanta os dereitos e necesidades das mulleres que sofren esta violencia. Tamén reclamaron avances cara a “unha xustiza de proximidade” que facilite unha protección efectiva en igualdade.
Como parte do acto, instalouse unha árbore simbólica fronte ao antigo Banco de España, na que veciños e transeúntes foron colocando mensaxes de apoio ás vítimas. Menor explicou que esta “árbore da vida” representa o futuro que desexan impulsar: “cremos e queremos construír entre todos. Oxalá prenda raíces fortes que sexan o piar sobre o cal soster a sociedade do futuro”.