O Premio Ourensanía 2025 recae na figura do doutor Rafael López López

OurenseXa
O xurado decidiu outorgarlle este recoñecemento pola súa traxectoria e compromiso coa provincia
rafael-lopez-lopez-premio-ourensania-2025
27 Sep 2025

O oncólogo Rafael López López (Vilamartín de Valdeorras, 1959) foi distinguido co Premio Ourensanía 2025, un recoñecemento que, segundo destacou o xurado, pon en valor “non só os seus méritos profesionais, senón tamén, e de xeito moi especial, a súa profunda e constante vinculación coa provincia de Ourense, que mantivo viva ao longo dos anos desde a súa actividade profesional, académica e persoal”.

O fallo subliña ademais que “Ourense está presente no seu traballo, no seu discurso e na súa maneira de entender a medicina como un servizo á comunidade”.

A Deputación provincial destacou que con este galardón a provincia quere devolverlle ao investigador “unha pequena parte do moito que el lle ten entregado, sendo un orgulloso embaixador da Ourensanía no mundo da ciencia e da sanidade”.

O presidente da Deputación, Luis Menor, foi o encargado de comunicar oficialmente a decisión a López, a quen felicitou “pola súa ampla traxectoria profesional na especialidade de Oncoloxía”. O doutor, pola súa parte, agradeceu a distinción e asegurou que “é unha honra”.

A concesión do premio foi aprobada por unanimidade do xurado, presidido por Luis Menor e integrado por Luis González Tosar, Eva Torres, José Manuel Díaz Barreiros e Maribel Outeiriño, coa secretaría de Marcos Vázquez, director da Área de Cultura da Deputación. A entrega terá lugar o 10 de novembro no Teatro Principal de Ourense.

Rafael López é xefe do Servizo de Oncoloxía do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela, director do Grupo de Oncoloxía Traslacional do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) e profesor titular da Facultade de Medicina da USC.

Licenciado en Medicina pola Universidade Autónoma de Madrid, especializouse en Oncoloxía Médica no Hospital Xeral de Asturias en 1988, cunha formación internacional no Hospital Universitario Libre de Ámsterdam. Desenvolveu a súa carreira en centros como o Hospital Central de Asturias, o Hospital de Navarra ou o Hospital Txagorritxu de Vitoria, ata asumir en 1997 a dirección da Oncoloxía Médica en Santiago.

É referente en investigación traslacional e biopsia líquida, con máis de 150 ensaios clínicos como investigador principal e máis de 200 publicacións científicas. Participou en patentes e proxectos de transferencia de coñecemento, ademais de ocupar cargos en entidades como a Sociedade Galega do Cancro, a Fundación ECO e, actualmente, a presidencia da Asociación Española de Investigación sobre o Cancro (ASEICA).

⚙ Configurar cookies
0.10453200340271