O prestixioso cociñeiro xaponés Matsumoto visita Ourense para coñecer a súa riqueza gastronómica

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, mantivo esta mañá un encontro co recoñecido cociñeiro xaponés Matsumoto, quen visita Galicia para coñecer máis de cerca a gastronomía local, os seus produtos e as iniciativas culinarias da zona.
Esta reunión forma parte dunha misión comercial inversa organizada pola Asociación Amigos da Cociña Galega, que xurde tras unha viaxe da entidade a Xapón co apoio da Deputación de Ourense. O propósito principal é establecer novas colaboracións entre as culturas gastronómicas de ambos países e “poñer en valor a autenticidade da cociña galega desde unha perspectiva internacional”.
Durante o encontro, Menor resaltou a aposta da Deputación por impulsar a gastronomía galega fóra das súas fronteiras, considerándoa “un elemento estratéxico de identidade, proxección internacional e desenvolvemento económico ligado ao territorio”.
Matsumoto é un cociñeiro moi respectado en Xapón, coñecido polo seu traballo coa cociña do norte de España, á que achega o seu toque persoal utilizando ingredientes de tempada da rexión de Kansai. Na súa filosofía destaca “o coidado da terra, da cultura e da tradición”, aspectos que tamén identificou “na esencia da cociña galega”.
Ao longo da súa estancia en Galicia, Matsumoto realizará visitas a produtores, cociñeiros e diversos proxectos gastronómicos, co fin de profundar no intercambio cultural e abrir camiño a futuras colaboracións entre profesionais galegos e xaponeses.