O programa ‘A Vía da Prata por etapas’ comezará o 25 de maio

Esta iniciativa da Deputación de Ourense permitirá realizar este camiño en cinco etapas entre a A Canda e Ourense con transporte gratuíto de ida e volta
via-da-prata
11 May 2025

A Deputación de Ourense, a través do Inorde e co apoio da Axencia de Turismo de Galicia, impulsa unha nova edición do programa da Vía da Prata por etapas, que este ano incorpora como punto de partida A Canda, no concello da Mezquita. A iniciativa busca achegar este itinerario xacobeo á poboación local, promovendo a riqueza paisaxística e cultural dos concellos polos que discorre.

O programa inclúe guía oficial e servizo de autobús, cun formato flexible que permite participar en etapas individuais ou inscribirse no percorrido completo. Trátase dunha proposta xa consolidada, con grande acollida na edición de Semana Santa.

As etapas desenvolveranse os domingos, entre o 25 de maio e o 22 de xuño, atravesando municipios como A Gudiña, Vilariño de Conso, Laza, Vilar de Barrio, Xunqueira de Ambía, Paderne de Allariz, Taboadela, San Cibrao e Ourense. Os participantes poderán coñecer o patrimonio, a cultura e a etnografía local grazas á colaboración de asociacións das zonas que atravesa o camiño.

Calendario de etapas:

  • 25 de maio: A Canda – Vilavella – A Gudiña (18 km)
  • 1 de xuño: A Gudiña – Laza (con opcións de 36 ou 23 km)
  • 8 de xuño: Laza – Alberguería – Vilar de Barrio (20 km)
  • 15 de xuño: Vilar de Barrio – Xunqueira de Ambía (14 km)
  • 22 de xuño: Xunqueira de Ambía – Ponte Romana de Ourense (23 km)

No outono, o programa continuará con saídas desde Ourense a Santiago durante os domingos de setembro e outubro. Quen complete as cinco etapas recibirán un certificado acreditativo dos 100 km percorridos.

As inscricións están abertas en www.conocegalicia.es ou no teléfono 988 25 33 59. O prezo total das cinco etapas é de 49 euros, e cada etapa solta custa 15 euros, incluíndo guía e transporte.

O autobús sairá de Ourense con paradas en Xinzo e Verín, facilitando a participación de persoas de toda a provincia.

⚙ Configurar cookies
0.16292190551758