O programa ‘Coñece e Saborea Ourense’ levou aos participantes a coñecer San Cibrao das Viñas

O programa ‘Coñece e Saborea’, promovido polo Grupo de Desenvolvemento Rural Adercou, que busca ofrecer experiencias culturais accesibles e dar a coñecer os recursos patrimoniais e gastronómicos da comarca, pasou este sábado por San Cibrao das Viñas, onde un nutrido grupo de participantes procedentes de distintos puntos de Galicia gozou dunha xornada de natureza, patrimonio e gastronomía.
A actividade comezou no Cruce de Soutopenedo, onde o tenente de alcalde, Manuel Pedro Fernández, e o concelleiro José Luis Montero recibiron aos asistentes e acompañáronos ao longo do percorrido, ofrecendo datos de interese sobre a historia e a contorna do concello.
O roteiro incluiu tramos das sendas de San Cibrao, A Laxe e A Boutureira, zonas verdes que mostran a riqueza natural do municipio. Os participantes visitaron os muiños restaurados do río Barbadás, pasearon por antigas parcelas de viñedo agora ocupadas por carballos, castiñeiros, sobreiras e érbedos, e detivéronse na igrexa de Soutopenedo, aberta especialmente para a ocasión, onde puideron admirar o seu retablo.
A xornada rematou no Café Bar Marian, cunha degustación de produtos locais de San Cibrao e doutros concellos do GDR Adercou, preparada por Marta. Ademais, Merche, produtora de mel, compartiu co público a súa experiencia e a súa paixón polos produtos que elabora.