O programa de atención especializada para persoas con enfermidade renal de Alcer Ourense atendeu xa a máis de 40 persoas

OurenseXa
A asociación está a levar a cabo este ano o programa “Atención social, asesoramento e intervención especializada II” para mellorar a calidade de vida destes pacientes
programa-asesoramiento-alcer
23 May 2025

O pasado mes de xaneiro a Asociación para a Loita Contra as Enfermidades Renais (ALCER) da provincia de Ourense, recibiu por parte da Xunta de Galicia, a través da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), os fondos dunha subvención que lle van permitir seguir desenvolvendo un ano máis o programa “Atención social, asesoramento e intervención especializada II”.

A traballadora social da entidade ofrece información e asesoramento a persoas con enfermidade renal, en estadios iniciais da enfermidade como a persoas en estadios máis avanzados xa en tratamento renal substitutivo, e familiares. A actividade realízase durante todo o ano e durante o que vai de ano xa levan atendidas máis de 40 persoas da provincia de Ourense, tanto de forma presencial na sede como de forma telemática, notando un notable incremento da demanda.

A enfermidade renal crónica (ERC) é un estado caracterizado pola diminución significativa e progresiva da función dos riles. É importante destacar que na última década, a ERC aumentou case un 30% e de seguir a este ritmo actual de crecemento, acabará converténdose na segunda causa de morte no noso país. Empezar a convivir con ERC supón un importante cambio na vida de calquera persoa, polo que o acompañamento e asesoramento tanto para as persoas con enfermidade renal como para os seus familiares é fundamental.

Dende ALCER, animan a que todas as persoas que fagan a declaración da renta contribúan marcando o X solidario para actividades de interese social no cadro 106, axudando así a que as pequenas asociacións poidan lograr desenvolver con maior facilidade o seu traballo e axuda ós demais. Lembran ademais, que marcar ese cadro non supón pagar máis nin cobrar menos e que é compatible co cadro destinado á Igrexa.

⚙ Configurar cookies
0.16412401199341