O programa de fomento deportivo da Deputación de Ourense regresa en 2025 ampliando a cobertura xeográfica

A Deputación de Ourense impulsa o programa de fomento deportivo para este 2025 baixo o lema #NingúnConcelloSenDeporte, co obxectivo de achegar a práctica deportiva e fomentar a actividade física e os hábitos saudables en toda a provincia, especialmente no rural onde a accesibilidade a zonas deportivas é menor. O presidente provincial, Luis Menor, presentou esta mañá no Centro Cultural Marcos Valcárcel a programación desta iniciativa, posta en marcha en 2024 e que xa permitiu levar diversas disciplinas a 45 municipios ourensáns. Representantes de concellos, clubs e asociacións de toda a provincia acudiron ao acto de presentación.
Menor anunciou que o proxecto incrementará este ano a cobertura xeográfica, o número de disciplinas deportivas e a inversión, ascendendo a 90.000 euros de orzamento para esta edición, fronte aos 60.000 euros outorgados no 2024.
Ademais, fixo referencia a ese “esforzo inversor” da Deputación para este 2025, xustificando o fomento deportivo como “un dos grandes eixos estratéxicos do actual mandato na Deputación”, xustificación pola que se acordou aumentar a partida para este proxecto.
Unha trintena de federacións, clubs e asociacións
O Programa de Fomento Deportivo 2025, desenvolverase en estreita colaboración cunha trintena de federacións, clubs e asociacións deportivas da provincia de Ourense.
Nesta segunda edición, os deportes que se practicarán será tenis de mesa, Ximnasia en varias modalidades, hockei, balonmán, patinaxe, baloncesto, fútbol feminino, deportes naúticos, volei, bádminton, tenis, baile, atletismo, zumba, escalada, salvamento, xadrez, orientación, fitbike, BTT, tiro con arco, artes marciais (Tai-chi,defensa persoal e Kung-fu),Kickboxing. breaking, waterpolo, remo indoor, esquí naútico, automobilismo, padel, equitación e xogos populares.
As actividades realizarase entre os meses de abril e outubro do presente ano.
Ademais de fomentar a práctica deportiva na provincia entre nenos e adultos, o proxecto ten outros obxectivos como promover a inclusión e a equidade no acceso ao deporte; mellorar a saúde dos rapaces en idade escolar e contribuír ao benestar da poboación adulta desenvolvendo actividades que favorezan a mobilidade, a prevención de enfermidades e o envellecemento activo.
2.400 participantes
Por outra banda, o presidente provincial fixo balance da primeira edición do programa de Fomento Deportivo, destacando un total de 2.400 participantes no conxunto de actividades nos concellos. “Unhas cifras que reflexan non só o éxito da iniciativa, senón a implicación da comunidade, especialmente no rural, a onde queremos seguir chegando”, sinalou.