O programa "Donas de si" do Plan Proxecta pon en valor a participación das mulleres na sociedade galega

OurenseXa
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, visitou o CEIP de Prácticas de Ourense, un dos participantes nesta iniciativa que quere poñer en valor a relevancia política, social, artística e cultural das mulleres galegas
Donas_de_si_Plan_Proxecta_Elena_Rivo_Ourense
30 Jan 2024

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, acompañada da directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, visitou hoxe o CEIP de Prácticas de Ourense, un dos centros educativos participantes na iniciativa Donas de si do Plan Proxecta, que quere poñer en valor a participación e produción das mulleres na configuración e desenvolvemento da sociedade galega. Alí, agradeceu o labor do alumnado a prol de estender a presenza feminina a todos os ámbitos da vida, revertendo calquera tipo de desequilibrio, discriminación ou violencia por razóns de xénero.

Segundo destacou, Donas de si busca recoñecer o seu papel político, social, artístico e cultural e de superar a visión tradicional que presenta as súas achegas como puramente anecdóticas ou secundarias. Cómpre realizar, engadiu, unha aproximación de conxunto, que contemple a variable de xénero, a figuras relevantes da nosa Historia para construír e divulgar a memoria histórica feminina de Galicia.

A conselleira sinalou que o traballo dos centros neste programa pódese centrar en mulleres relevantes en distintos eidos pero tamén en compartir o labor das máis próximas á contorna do alumnado, como poden ser as nais, irmás ou avoas que -de feito- son as homenaxeadas en boa parte dos traballos do CEIP de Prácticas ourensán.

Esta iniciativa vén acompañada de material didáctico difundido pola Secretaría Xeral da igualdade e mesmo de cursos de formación para o profesorado, sobre igualdade ou sobre construción da identidade libre de estereotipos de xénero.

Elena Rivo sinalou que é todo un orgullo comprobar como as novas xeracións veñen pisando forte para avanzar, da man, cara á igualdade efectiva entre mulleres e homes. Para acompañar a sociedade nese camiño, referiuse a unha estratexia transversal por parte da Xunta con fitos como a nova Lei de igualdade xa en vigor. Tamén con instrumentos como o III Programa de Muller e Ciencia -para un sistema de ciencia, tecnoloxía e innovación que incorpore a igualdade de oportunidades- ou o VIII Plan estratéxico de igualdade entre mulleres e homes.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.21086883544922