O Programa Integrado de Emprego de Afaor formou a un cento de persoas na provincia

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participou no acto de posta en valor do Programa Integrado de Emprego (PIE) levado a cabo pola Asociación de familiares de alzhéimer de Ourense (Afaor). En total destináronse 220.000 euros, na vixente convocatoria 2024-2025, para formar a un cento de persoas desempregadas entre os que se atopaban persoas con discapacidade, menores de 30 anos ou mulleres e que recibiron os correspondentes diplomas acreditativos.
No marco do PIE de Afaor, estas persoas participantes reciben información, orientación e asesoramento, contidos arredor de diversas actividades que inclúen entrevistas de orientación individual, talleres grupais sobre desenvolvemento persoal, coaching, mentoring, elaboración de currículos, estratexias para afrontar entrevistas de traballo, emprendemento, entre outros aspectos relevantes. Ademais, os participantes obteñen formación especializada do SEPE, abarcando itinerarios en sectores sanitario e sociosanitario, animación sociocultural, así como formación transversal en limpeza, empregos verdes ou dixitais.
O obxectivo deste programa, explicou o delegado territorial, é que un mínimo do 35% do total das participantes atope traballo ao final da súa formación, aínda que como lembrou, xa se superou esta cifra en pasadas edicións.
O representante do Goberno galego lembrou que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destinou a entidades da provincia de Ourense máis dun millón de euros para o desenvolvemento de cinco iniciativas que favorecerán as oportunidades laborais de 500 persoas sen traballo.
Con estas achegas, a Xunta prima, entre outros, os proxectos innovadores en relación co perfil dos colectivos aos que se dirixen e os que se caractericen pola utilización de novas tecnoloxías ou pola existencia de medidas de conciliación da vida familiar e laboral. Tamén valora a relación do proxecto co tecido empresarial do territorio onde se levará a cabo o programa co fin de mellorar a ocupación da cidadanía galega.
Todas elas recibiron formación para o emprego e teñen a posibilidade de realizar prácticas profesionais non laborais en empresas (teñen que realizar estas prácticas un mínimo de 15 persoas) en consonancia co contido teórico-práctico das accións formativas e co fin de incrementar a súa inserción laboral. Durante todo o proceso, o alumnado recibe orientación, asesoramento e información profesional e formación empresarial, para o que as entidades promotoras dos proxectos contarán co persoal para o efecto. Tamén se lles proporciona técnicas de motivación para o emprego e intelixencia emocional, habilidades sociolaborais e obradoiros de entrevista, fomento da capacidade emprendedora, prospección empresarial, práctica laboral e mobilidade xeográfica.