O programa “Mocidade Outono 2025” regresa a Allariz con novas actividades

OurenseXa
A iniciativa busca fomentar a creatividade, a participación xuvenil e o uso do galego a través da música, o xogo e o contacto coa natureza
casa-da-mocidade-allariz
9 Oct 2025

A Casa da Mocidade de Allariz presenta unha nova edición do seu programa “Mocidade Outono 2025”, unha iniciativa que busca impulsar a creatividade, a participación xuvenil e o uso do galego en distintos ámbitos de lecer e aprendizaxe. Aínda que está dirixido especialmente a mozos e mozas de entre 13 e 33 anos, tamén está aberto ao público de todas as idades.

Entre as novidades desta edición destacan talleres de música moderna en grupo, nos que os participantes poderán tocar instrumentos e formar parte dunha banda, e talleres de rol en galego, que combinan xogo, narración e traballo en equipo nun espazo divertido e creativo. Ademais, o programa inclúe actividades de iniciación a instrumentos, xogos de mesa e de habilidade, saídas á natureza e talleres sobre orientación, identificación de cogomelos e hábitos de uso responsable do móbil. Todas as actividades desenvolveranse íntegramente en galego.

O obxectivo principal é fomentar a creatividade, a participación xuvenil e o uso do galego a través da música, o xogo e o contacto coa natureza. “Queremos que a mocidade de Allariz teña espazos para crear, expresarse e convivir, sempre coa nosa lingua e identidade como base”, sinalan desde a Concellaría de Mocidade.

⚙ Configurar cookies
0.075537919998169