O programa Ourense Termal pon fin con 14 proxectos consolidados

OurenseXa
O programa, desenvolvido a través do Inorde coa Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do Campus de Ourense, incluíu 600 horas de formación e 280 horas de mentoría personalizada para iniciativas emprendedoras vinculadas ao turismo termal
clausura-programa-ourense-destino-termal
17 Mar 2026

A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do Campus de Ourense acolleu esta mañá o acto de clausura do programa de emprendemento Ourense Termal, unha iniciativa que permitiu consolidar 14 proxectos empresariais na provincia. Deles, 13 corresponden a iniciativas de desenvolvemento e un a unha nova creación, cun impacto directo en 18 concellos, desde O Carballiño ata Verín, pasando pola Baixa Limia ou o Ribeiro.

O programa incluíu 600 horas de formación especializada e 280 horas de mentoría personalizada, co obxectivo de apoiar aos participantes na definición e consolidación dos seus plans de negocio.

Durante o acto, o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, destacou o “apoio sen precedentes” do Executivo central ao sector turístico, facendo fincapé na posta en marcha dos Plans de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD). “O Goberno de España tomou a decisión de poñer en marcha unha estratexia pioneira para reforzar o sector turístico desde o ano 2020, cos PSTD, e os resultados son evidentes”, afirmou, ao tempo que salientou “a revolución turística” impulsada polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), cunha “inversión histórica” na provincia.

Santos puxo o Destino Ourense Termal como exemplo do modelo turístico sostible e felicitou aos participantes no programa, aos que definiu como “un exemplo de constancia e traballo”. Ademais, lembrou que “sustentabilidade, dixitalización e cogobernanza son os tres eixos nos que se fundamentan os PSTD para desenvolver o turismo responsable polo que apostamos”, destacando tamén a colaboración entre institucións como a Deputación de Ourense, a Xunta e a Universidade de Vigo.

No eido económico, o subdelegado sinalou que o Goberno de España investiu máis de 13,8 millóns de euros en turismo na provincia no marco do PRTR, aos que se suman máis de 10 millóns destinados á Actuación de Cohesión en Destino (ACD) Termal de Referencia da Xunta de Galicia.

Pola súa banda, o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, foi o encargado de pechar o acto, subliñando que o programa forma parte da estratexia provincial para consolidar o termalismo como motor de desenvolvemento. “O verdadeiro valor dun destino non está só nos seus recursos naturais, senón no talento das persoas capaces de crear novas experiencias e oportunidades arredor deles”, indicou.

Menor destacou tamén a diversidade dos proxectos, vinculados a ámbitos como o benestar termal, o ecoturismo, o enoturismo ou a cosmética, e puxo en valor que o 65 % das iniciativas estean lideradas por mulleres, o que cualificou como “un exemplo do papel fundamental do emprendemento feminino no dinamismo e na innovación do noso rural”.

O presidente provincial asegurou que a clausura non supón o remate do apoio institucional, xa que a Deputación continuará respaldando estas iniciativas. “Queremos que cando alguén mire cara a Ourense como destino termal non vexa só as nosas augas e paisaxes, senón tamén o talento, a innovación e as empresas que nacen arredor deste territorio”, afirmou.

Finalmente, agradeceu o compromiso das persoas emprendedoras: “Cando alguén decide emprender en Ourense non está só creando unha empresa; está contribuíndo a construír o futuro do noso territorio”.

0.12329292297363