O programa ‘Profundizando nas emocións’ dirixido a persoas maiores regresa ao Espazo+60 de Ourense

O Espazo+60 de Ourense acolle desde esta semana unha nova edición do programa ‘Profundizando nas emocións’, que se desenvolverá ata o próximo 13 de abril. A iniciativa está dirixida a persoas que participaron previamente en ‘Coñecendo as emocións’ e xorde do desexo dos participantes de continuar avanzando na mellora das súas competencias emocionais e na adquisición de ferramentas que favorezan o seu benestar.
O programa consta de oito sesións e mantén unha estrutura flexible que se adapta aos intereses do grupo. Ademais de repasar contidos do programa inicial, abórdase emocións e sentimentos máis complexos, como a culpa, a ansiedade, a soidade, o medo, a autoestima ou a comunicación. As persoas participantes deciden onde poñer o foco, tomando como referencia situacións concretas do seu día a día.
Segundo explican desde Afundación, as habilidades emocionais son fundamentais no proceso de envellecemento, especialmente cando xorden desafíos físicos, emocionais e sociais, como enfermidades, perdas de seres queridos ou cambios de contorno. Os resultados das cinco edicións previas de ‘Coñecendo as emocións’ amosan que nove de cada dez participantes obteñen beneficios, mellorando a súa conciencia emocional, a regulación das súas emocións e o seu benestar xeral.
“Os distintos programas de benestar emocional permiten ás persoas participantes fortalecer os seus recursos persoais e compartir experiencias que lles axudan a afrontar as situacións cotiás, entender as súas reaccións, tomar alternativas para autorregularse e coidar os vínculos afectivos, e así o subliñan tras finalizar as sesións”, destaca Sabela Couceiro, coordinadora da área de Maiores de Afundación.
Ata a data, máis de 1.200 persoas participaron nestas iniciativas, que desde 2024 se estenderon a 47 centros de distintas entidades en Galicia e Madrid. O obxectivo é xerar unha rede de colaboración que impulse o envellecemento activo e saudable mediante a mellora do benestar emocional.