O programa Senda Pola Saúde Mental de Feafes Galicia atende a 25 persoas no rural ourensán

OurenseXa
O seu obxectivo é prestar apoio e acompañamento a persoas con problemas de saúde mental que residen nas zonas rurais
Programa Senda pola Saúde Mental en Entrimo
1 Jul 2024

A realidade xeográfica de Galicia provoca que existan territorios rurais afastados nos que o acceso e a conexión aos servizos é moi limitada ou inexistente. Isto implica un gran problema para as persoas con problemas de saúde mental que viven nestas zonas, tanto por estar alonxadas dos servicios de apoio como pola soidade que sofren na maioría dos casos.

Por iso, desde xullo de 2022, Saúde Mental FEAFES Galicia desenvolve o programa Senda Pola Saúde Mental en colaboración coa Fundación “la Caixa”. O seu obxectivo é prestar apoio e acompañamento a persoas con problemas de saúde mental que residen nas zonas rurais, traballando en rede cos recursos e profesionais implicados no proceso individual de cada unha delas.

Neste segundo ano de implantación do programa aumentáronse as zonas de actuación. Traballouse con 25 persoas en concellos da Baixa Limia (Lobios, Entrimo, Muíños, Bande e Lobeira), na Mancomunidade de Celanova (A Bola, Cartelle, Celanova, Gomesende, A Merca, Pontedeva, Quintela de Leirado, Ramiráns e Verea), na Pobra de Trives (Chandrexa de Queixa, Manzaneda, A Pobra de Trives e San Xoán do Río) e en Viana do Bolo (A Gudiña, A Mezquita, Viana do Bolo e Vilariño de Conso). Este traballo implica un achegamento do persoal de Saúde Mental FEAFES Galicia ás zonas nas que residen estas persoas, podendo atendelas así na súa contorna.

Co programa Senda Pola Saúde Mental, FEAFES avanza no obxectivo de achegar os recursos e servizos ás persoas que viven en núcleos de poboación afastados, ofrecerlles atención individualizada e defender o uso efectivo dos dereitos tanto das persoas participantes como das súas familias e persoas achegadas. Tamén facilita a implicación das usuarias e usuarios coa súa contorna, mellorando a súa vinculación inclusiva, positiva e activa na comunidade.

Saúde Mental FEAFES Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995 coa misión de representar e defender os dereitos e necesidades das persoas con problemas de saúde mental. De carácter social, esta entidade ten como obxectivo principal a mellora da calidade de vida destas persoas e das súas familias. Actualmente agrupa a 12 asociacións repartidas por toda a comunidade galega con centros e servizos en preto de 30 localidades

0.10206007957458