“O proxecto da planta de Biometano en Xunqueira de Ambía fixérono ás costas dos veciños”

Veciña e portavoz do BNG neste concello, Sonia Vidal denuncia os cheiros e o impacto que este proxecto tería na calidade de vida dos veciños da contorna pola súa proximidade ás vivendas e afirma que “ten unha oposición clarísima por parte da veciñanza”
Sonia Vidal Lamas
23 Nov 2025

O proxecto para instalar unha macroplanta de biometano promovida por Ence, a través da subempresa Biofertilizantes Xunqueira, provocou unha notable oposición en Xunqueira de Ambía, así como noutras localidades limítrofes como A Limia e Sandiás.

Sonia Vidal, deputada do BNG no Parlamento Galego e portavoz do BNG en Xunqueira de Ambía, localidade na que reside, leva semanas denunciando as consecuencias que terá este proxecto na vida dos veciños tal e como está plantexado agora mesmo.

O proxecto, lembra, non é novo, senón que leva anos xestándose, pero non se fixo público ata 2023. “Entendemos que xa estaba en marcha desde antes. En febreiro dese ano acendéronse as alarmas porque tivemos acceso a un informe favorable elaborado pola arquitecta de Xunqueira”, explica Vidal, que critica que se intentase facer “ás costas dos veciños”.

Con todo, durante anos non houbo “avances visibles”, polo que os veciños pensaron que o tema “estaba morto”, comenta. Agora, despois de todo este tempo “cremos que simplemente estivo durmido”, di Vidal.

A localización desta planta non é casual, xa que por esa zona pasa un gaseoduto, pero para o BNG e para moitos dos veciños, as alarmas saltan polo feito de que o terreo onde se quere facer está nun monte comunal moi próximo ás casas e, ademais, sería unha zona que se inunda todos os anos.

A portavoz nacionalista explica que a maior preocupación por parte dos veciños é a proximidade da planta ás casas e advirte que a propia Ence, a través de Biofertilizantes Xunqueira, indica no proxecto que a ubicación está escollida porque non hai mobilización veciñal nesa zona. Algo que di, “parécenos moi raro”, e explica que isto débese fundamentalmente á falta de información que había sobre o proxecto. “Non había mobilización porque ninguén sabía nada do proxecto. Nós estabamos enfocados noutras zonas onde si sabiamos que había empresas interesadas, e Ence sacou o proxecto polas costas mentres nós mirabamos cara outros lugares”.

Así, afe a empresa intentar construír esta planta sen informar aos veciños. “Houbo unha empresa hai uns anos que polo menos fixo unha reunión para informar e presentar un proxecto. Pero Ence non, fíxoo ás costas dos veciños, sen dar ningún tipo de información. Non falan dos problemas. Din que os veciños non mostran oposición, pero é que só se refiren aos propietarios dos terreos, que quizais nin viven preto, pero hai moitos outros veciños que si van sufrir as consecuencias e ata agora non tiveron oportunidade de expresar a súa opinión porque non sabían nada”. Vidal lembra que foi o BNG, despois de saír á luz que o proxecto seguía en marcha, quen convocou aos veciños nun encontro para abordar as consecuencias con un técnico especializado.

Ademais, respecto á postura do Concello de Xunqueira, que nun primeiro momento se mostrou favorable ao proxecto, explica que “ao principio dixo que a xente estaba a favor e que non podía opoñerse porque os terreos eran privados, pero logo viu que isto afecta non só aos propietarios senón tamén ás casas do arredor, e incluso a outros concellos como o de Sandiás”.

Doutra banda, lembra que a postura tanto do BNG como da veciñanza, así como de concellos próximos que se verían afectados, non é estar en contra do proxecto en si, senón da forma na que se vai levar a cabo, e insiste en que o que se pide son garantías. “Pode ser que o proxecto axude a reducir os nitratos na Limia, pero plantar unha macroplanta destas dimensións ao lado das vivendas non ten sentido. O que pedimos é que se busque unha ubicación máis afastada das casas. Hai terreo dispoñible, non entendemos por que a queren facer xusto aí”.

Un dos puntos que máis preocupa á poboación, explica Vidal, son os cheiros. “Se che din que a planta será totalmente hermética e que non emitirá cheiros, pode que che o creas, pero o informe demostra que se superan certos límites. Nós entendemos de cheiros porque somos unha zona agrogandeira: ninguén pode dicir que cando pasa un camión con purín ao lado da túa casa non vai cheirar, e máis se van pasar 50 camións diarios. Os puríns e a galiñaza teñen que vir de algún sitio”.

Tamén pon en cuestión a viabilidade dos accesos, pois “din que pasarán polas pistas da parcelaria, pero esas pistas non están asfaltadas. Ademais, isto dificultará o acceso ás fincas para quen queira entrar”.

Ademais, sobre a regulación e xestión do proxecto, a portavoz alerta da falta de normativa clara, sobre todo en relación ao uso do digestato, un residuo que contén nitratos e que, segundo comenta, “en Cataluña teñen este problema e non saben que facer con el, agora teñen moitos máis problemas cos nitratos”. Respecto á falta de regulación destas plantas tamén critica que “o PRIGA non controla as distancias. Úsano como un escudo político, pero non establece distancias mínimas obrigatorias respecto ás casas. Indican 100 metros, pero iso é orientativo e non obrigatorio, e 100 metros non é suficiente para evitar os cheiros”. Por iso, considera “non hai un marco regulador suficiente para garantir a saúde e calidade de vida das persoas que vivimos preto. Por iso estamos moi preocupados”.

Doutra banda, lembra que “cando o proxecto se publicou no DOGA, non estivo accesible durante unha semana. Perdemos ese prazo para presentar alegacións e nunca se recuperou”. Unha situación que se recrudeceu a pasada semana cando a Consellería de Medio Rural informou que tería que abrir un novo prazo de alegacións “por un erro”, o que deixa en suspenso as case 2.000 alegacións presentadas fai pouco máis dunha semana, que foron recollidas entre os veciños afectados, tanto de Xunqueira como de concellos próximos, como Sandiás e a zona da Limia. Neste senso, acusa á Xunta de falta de transparencia, xa que non queda claro nin cando se abrirá ese prazo nin se se terán en conta as alegacións rexistradas.

En relación á oposición cidadá, Vidal remarca que “por agora non temos constancia de que vaian modificar o proxecto para solucionar os problemas que mencionamos, nin sabemos nada do tema das alegacións. É preocupante porque miles de persoas afectadas asinamos”.

“O proxecto tal como está presentado ten unha oposición clarísima por parte da veciñanza porque non garante que sigamos vivindo aquí como ata agora. A devaluación das vivendas e terreos arredor será abismal”. Refírese, fundamentalmente, ao tema dos cheiros pola proximidade da planta ás vivendas e polo paso de 50 camións polas pistas da parcelaria. “É imposible que non cheire, non nos poden enganar con iso”, afirma. Ademais, alerta que entre eses residuos, ademais de purín e galiñaza, tamén se contemplan outros residuos como restos de matadoiro. “Non nos poden dicir a nós, que a maioría somos gandeiros, que ese tipo de residuos non van dar cheiro. Poden dicir que van illar a planta, pero non poden asegurar que os camións non van cheirar. Pero o cheiro non afecta só ás casas próximas, chega a outros concellos… son moitas as persoas que se van ver afectadas”.

“O que pedimos son garantías, que se revise o proxecto. Hoxe pode parecer un caramelo moi apetecible, pero quizais non sexa a solución”. Neste senso, reclama a activación da Mesa da Limia, lembrando que “cando se fixo o plan estratéxico da Limia, saíron moitas solucións para o problema dos nitratos. Eu formei parte da elaboración dese plan. Estamos en 2025 e non sabemos nin sequera se ese plan existe. Seguen dicindo que está en marcha, pero a realidade é que non. Ese plan non estaba pensado só para rega e limpeza de canais, senón tamén para reducir nitratos, e na mesa puxéronse moitas cousas enriba da mesa que non están a ter en conta. Non se volveu convocar unha reunión da Mesa da Limia. Polo menos, cando se plantexan estes proxectos, deberían convocar á Mesa para buscar alternativas e solucións”.

O conflito segue aberto á espera do informe ambiental sobre o proxecto e, ata a data, explica Vidal, “non temos constancia de que vaian modificar o proxecto para solucionar os problemas que mencionamos, nin sabemos nada do tema das alegacións. É preocupante porque miles de persoas afectadas asinamos”.
“Hai unha gran alarma social ao respecto, non só en Xunqueira, tamén en Sandiás e Limia. Pedimos transparencia e garantías, non é que nos opoñamos a todo. A preocupación por parte dos veciños afectados é moi grande. Cando a Xunta fala de garantías refírese a garantías para Ence, non para a comunidade. Agora mesmo, o proxecto ten unha oposición clarísima por parte dos veciños, e iso quedou reflectido nas alegacións, é algo que non nos poden negar”.

⚙ Configurar cookies
0.077365159988403