O proxecto de ampliación do Vinteún contará cun investimento de 13,5 millóns e máis de 1.400 vivendas

A Xunta de Galicia destinará 13,5 millóns de euros ao desenvolvemento e urbanización do Proxecto de Interese Autonómico (PIA) previsto na cidade de Ourense, un ámbito no que se proxectan 1.435 vivendas e máis de 45.000 metros cadrados de espazos libres e zonas verdes.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, presentou este proxecto acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e o secretario xeral técnico da Consellería, Yago Borrajo. Ao investimento público súmase o previsto por promotores e cooperativas, que elevará o impacto total ata arredor de 250 millóns de euros para a construción das vivendas, das que o 80% serán protexidas.
Durante a presentación, Allegue destacou a aposta do Goberno galego pola vivenda na cidade e subliñou o papel deste desenvolvemento para garantir solo residencial de cara ao futuro. “que esta cidade siga crecendo”, afirmou, incidindo nun deseño que aposta pola integración paisaxística, a mellora ambiental e a mobilidade sostible.
O proxecto configúrase como unha ampliación do barrio do Vinteún, cun modelo urbanístico no que as vivendas convivirán con amplas zonas verdes, espazos públicos e itinerarios pensados para o tránsito peonil. “Este é un proxecto pensado para integrarse no Vinteún, para coser, para conectar, para seguir a facer cidade -subliñou- e con esta maneira de construír que temos dende a Xunta, desa Galicia Calidade. Esta é a imaxe do futuro moi próximo da continuidade do barrio do o Vinteún para esta cidade das Burgas”.
O ámbito de actuación abrangue uns 135.000 metros cadrados ao norte da cidade, estruturados arredor do rego do Cudeiro, que vertebra un parque de aproximadamente 35.000 metros cadrados conectado co barrio, a contorna e o Camiño de Santiago. Este espazo funcionará como eixo de convivencia e mobilidade sostible.
Segundo os datos achegados, o 85% do solo reservarase para zonas verdes, equipamentos e viarios. En concreto, máis de 45.000 metros cadrados destinaranse a espazos libres —con máis de 1.300 árbores previstas—, máis de 21.000 a dotacións e arredor de 30.700 a vías, que incluirán máis de 300 prazas de aparcamento públicas. O resto do terreo albergará as vivendas, en bloques de tipoloxía aberta e con todas as estancias exteriores.
As vivendas protexidas, tanto de promoción pública como privada, terán cualificación permanente, tanto en venda como en alugueiro. Ademais, a urbanización dotará o ámbito de todos os servizos básicos, desde saneamento e abastecemento ata redes de iluminación, gas e telecomunicacións.
No relativo aos prazos, tras a aprobación inicial do PIA no Consello da Xunta e a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ábrese agora un período de 15 días para presentar alegacións. A previsión é acadar a aprobación definitiva ao longo deste ano, mentres que a licitación das obras de urbanización se estima para 2027 e o inicio dos traballos en 2028, que se compatibilizarán coa edificación das vivendas para acelerar a súa dispoñibilidade.