O proxecto "Ourense, cidade arborada" queda fóra da convocatoria estatal de fondos FEDER para proxectos ambientais

Ourense non conseguiu situarse entre as cidades beneficiarias da última convocatoria estatal de fondos FEDER para proxectos ambientais, segundo informou o Ministerio para a Transición Ecolóxica a través da Fundación Biodiversidade.
O proxecto municipal “Ourense, cidade arborada”, que tiña como obxectivo plantar 5.000 árbores e recuperar espazos urbanos degradados, quedou relegado á lista de reserva, unha decisión que o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, considera discriminatoria. O rexedor afea que mentres que cidades como Vigo e A Coruña, gobernadas polo PSOE, recibiron financiamento directo, Ourense será “a única gran cidade galega que non recibe estas axudas a pesar de ser a que sofre unhas condicións climáticas máis extremas e, polo tanto, maior necesidade de apoio para mellorar os seus espazos verdes”.
O rexedor tamén criticou a postura do PSOE local que, segundo di, “en lugar de defender os intereses da súa cidade e esixir trato xusto, prefiren convocar consellos e órganos burocráticos para distraer a atención. Os socialistas ourensáns dedícanse a atacar o seu propio Concello, mentres calan cando Madrid volve deixarnos atrás". Segundo Jácome, "o Goberno central prefire enviar os fondos a cidades gobernadas polo seu partido, en lugar de atender as necesidades obxectivas dunha cidade como a nosa, castigada polo clima máis rigoroso de Galicia e que require medidas urxentes de reforestación urbana”.
Pola súa banda, o Grupo Municipal Socialista de Ourense, tras coñecerse esta decisión, lembrou a necesidade de reforzar a planificación ambiental do Concello e reclamou a creación urxente do Consello Municipal de Medio Ambiente. A voceira socialista, Natalia González, sinalou que “Ourense queda unha vez máis atrás, mentres outras cidades galegas si acceden a fondos europeos para proxectos ambientais serios” e advertiu que esta exclusión deixa á cidade sen financiamento para avanzar en materia ambiental.
González engadiu que “unha vez máis a propaganda de Jácome queda en iso, en propaganda baleira e en promesas incumpridas cos veciños e veciñas”. Lembrou ademais que o compromiso de plantar 10.000 árbores segue sen materializarse e que “non existe calendario nin recursos dispoñibles, e a promesa de Jácome continúa incumprida”. Sobre a situación xeral, engadiu: “Remata outro verán no que literalmente arde Ourense; as políticas medioambientais do goberno municipal nin están nin se lles espera”.