O PSdeG acusa ao executivo de Pérez Jácome de boicotear o movemento veciñal en Ourense

As edís do grupo municipal socialista denuncian que as instalación ás que o Concello de Ourense pretende trasladar á Agrupación Veciñal Miño, situadas na Casa da Maxia, “non responden ás necesidades reais da asociación nin do movemento veciñal da cidade, e que supón un novo paso na estratexia do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, para silenciar, ningunear e debilitar ás entidades veciñais”.
Así o advertiron tras unha visita a este espazo xunto a representantes da agrupación, que acusan ao Concello de intentar xustificar a decisión nun suposto aforro en alugueiros, cando a realidade, explican, é que a Agrupación Miño leva desde o ano 2011 nun local da rúa Doutor Marañón cun custo mensual de 700 euros, unha cantidade que consideran “absolutamente irrisoria para as arcas municipais”. Dende a asociación denuncian ademais que dende o Goberno municipal “preténdese trasladar a entidade a un inmoble municipal baleiro, cedéndolle dúas das súas tres plantas e obrigándoa a compartir espazo cunha asociación moito máis pequena, como é As Burgas”.
O alcalde deu de prazo ata o 28 de febreiro para executar o desaloxo e o traslado. Unha decisión segundo o PSdeG fíxose “sen diálogo real nin planificación, e sen ter en conta que a Agrupación Miño representa a 22 asociacións veciñais que precisan dun espazo funcional, accesible e axeitado para o seu traballo diario”.
“O novo emprazamento proposto non é accesible, non favorece a participación da veciñanza, terá menos afluencia de persoas, carece de espazos adecuados para reunións e asembleas e, en definitiva, non responde ás necesidades dunha entidade que exerce unha función social imprescindible na cidade”, afirman as socialistas.
Lembran, ademais, que a Agrupación Miño desenvolve programas de apoio social de enorme relevancia, entre eles un servizo de acompañamento e atención a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, co que se prestou axuda a máis de 150 mulleres. Por iso, insisten en que “este tipo de intervencións requiren espazos dignos, seguros e que garantan a confidencialidade, algo que dificilmente poderá manterse nunha instalación compartida, sen acondicionar e sen as condicións mínimas de privacidade. Este traslado pon en serio risco a continuidade deste programa e doutros similares”.
Este caso, din as socialistas, “non é un feito illado, senón un ataque máis ao movemento veciñal”, que poñen exemplo outras acción promovidas nos últimos anos dende o executivo de Pérez Jácome, como o desmantelamento da Oficina de Participación Cidadá, o recorte de subvencións, a supresión de cursos e actividades cofinanciadas polo Concello e os ataques persoais e institucionais a representantes veciñais.
Desde o grupo municipal socialista reiteran o seu apoio firme ao movemento veciñal e á Agrupación Miño e destacan que “as asociacións de veciños cumpren unha función social esencial e que a súa desaparición ou debilitamento empobrece a democracia local”. Por iso, fan un chamamento “á reactivación e á mobilización do movemento veciñal para defender todo o que custou décadas conquistar”. “O que está en xogo”, advirten, “non é só un local, senón o dereito da veciñanza a ter voz propia, espazos dignos e capacidade de organización”.