O PSdeG acusa ao Goberno de Jácome de “caos e improvisación” na xestión financeira

O grupo socialista no Concello de Ourense denuncia a “falta de planificación” do executivo local durante o debate plenario sobre varias modificacións de crédito. A concelleira do PSdeG, María Fernández Ojea, criticou con dureza ao executivo de Pérez Jácome, asegurando que o “caos e a improvisación seguen a ser a tónica predominante” na xestión económica municipal.
Fernández Ojea sinalou como exemplo os impagos de diferentes celebracións populares. “Temos facturas pendentes das festas de San Francisco do ano pasado, das da Ponte, do Magosto ou de Halloween, e supoño que a deste ano xa está contratada, aínda que realmente non o está porque non se está facendo ben”, reprochou a edil, que ironizou sobre a actitude do goberno municipal. “Entendo que non teñen suficientes traballadores, públicos ou privados, pero o papel de vítima xa non lles convén”, sinalaba Ojea.
A socialista tamén cuestionou directamente ao alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, pola súa forma de afrontar as críticas. “Vostede é o alcalde de Ourense, ten a tres persoas cualificadas a nivel estatal traballando para vostede, ten 16 asesores, 9 concelleiros que defenden mesmo o indefendible, 100 millóns de euros de remanente do Tesouro, aínda que algúns estean bloqueados… Así que non se faga a vítima porque ten todo ao seu dispor para facer as cousas ben”, afeou directamente ao alcalde.
Neste sentido, Fernández Ojea afirma que Jácome conta ademais co apoio “constante” do PP, e reprochoulle que siga culpando a outros dos problemas municipais, acusándoo de ter un comportamento “infantil” e insistindo en que “o Concello lle debe cartos a toda a cidade”.