O PSdeG asegura que potenciará os servizos públicos con Besteiro ao fronte da Xunta

OurenseXa
Os e as socialistas sinalan que "chegou o momento de rematar cos recortes, o desmantelamento, o abandono, a marxinación e a discriminación que vive Ourense tras 14 anos de goberno do PP”
PSDG_Mitin_Valdeorras
Acto do PSdeG en Valdeorras
9 Feb 2024

O PSdeG-PSOE de Ourense destaca no Barco que con José Ramón Gómez Besteiro ao fronte da Xunta de Galicia, a provincia recuperará o seu “esplendor”, potenciando os servizos públicos e rematando cos “recortes, o desmantelamento e o abandono” que sofre da man do PP. Os e as socialistas celebraron un mitin no Barco de Valdeorras, onde ademais da candidatura e do alcalde do Barco, tamén participou a Ministra de Educación e voceira do Goberno, Pilar Alegría.

Pilar Alegría destacou durante a súa intervención que os e as socialistas “apostamos por tres piares claves dende o Goberno como son o emprego, os dereitos sociais e a convivencia”. Neste senso, a ministra de Educación e Deporte fixo fincapé a que “o pais traslada hoxe unha imaxe forte e en plena forma, motivada polo crecemento da economía española a un 2,5%, moi por riba das previsións, o que deixa claro que o PSOE aposta polo crecemento económico, a creación de emprego, a subida das pensións e o potenciamento de sectores claves como o turismo”.

“Dende que Pedro Sánchez chegou ao Goberno, o salario mínimo interprofesional creceu un 54%, dos 735 euros a 1.134”, subliñou Pilar Alegría, antes de afirmar que “unha medida que mellorou as condicións de vida de máis de tres millóns de traballadores e traballadoras, ademais de loitar pola igualdade no ámbito laboral”. Por último, a Ministra de Educación e Deportes puxo de manifesto que “cun goberno autonómico con Besteiro ao fronte, Galicia e a provincia de Ourense verán recuperados os servizos públicos que o PP de Feijóo e Rueda desmantelou” e sinalou que “o 18 de febreiro o cambio será unha realidade nesta terra”. 

Carmen Rodríguez Dacosta, cabeza de lista dos e das socialistas ourensás ao Parlamento de Galicia, sinalou durante a súa intervención que a comarca de Valdeorras “é dos mellores exemplos que temos na provincia da destrución da sanidade pública que está levando a cabo o PP”. Neste senso a candidata socialista afirmou que Rueda “quere seguir co plan que lle deixou marcado Feijóo, para converter o Hospital Comarcal de Valdeorras nun simple centro de saúde e reducir de xeito paulatino os servizos nos centros de saúde da bisbarra, co obxectivo de rematar por pechalos”.

“O 18 de febreiro temos a oportunidade de pór fin ao desmantelamento e os recortes do PP en Valdeorras”, destacou Rodríguez Dacosta, antes de sinalar que “con Besteiro ao fronte da Xunta, solucionaremos os problemas sanitarios, melloraremos as infraestruturas, xeraremos emprego e apostaremos pola vivenda pública, a mocidade, e por suposto, por unha atención digna aos nosos maiores”. Por último, a candidata socialista fixo fincapé en que “da man de Besteiro como presidente Valdeorras vivirá unha nova transformación como xa aconteceu durante o mandato de Emilio Pérez Touriño”.

Pola súa banda, o número 4 da candidatura socialista, Eladio Santos Martínez, puxo o foco na forma que ten de traballar o PSdeG-PSOE “conseguindo información nos concellos, escoitando á veciñanza e buscando solucións os seus problemas e necesidades, cun proxecto dende abaixo no que o máis importante son as persoas”. O cabeza de lista pola comarca de Valdeorras relatou que a bisbarra “vive unha longa listaxe de problemáticas, sendo a principal o grave problema sanitario que temos no Hospital Comarcal, con servizos desmantelados, listas de agarda de numerosos días, falta de especialista e co aumento de derivacións ao CHUO”.

Santos Martínez expresou tamén que Valdeorras e Ourense “necesitan un cambio de goberno, porque o PP está pondo en perigo o estado de benestar e só se preocupa en facer propaganda, ata vendendo como propios investimentos feitos polo Goberno central”. O candidato socialista afirmou por último que o 18 de febreiro “remataremos con anos de desleixo, abandono, discriminación e marxinación e optaremos por un novo modelo de xestión, con Besteiro ao fronte do goberno galego, que dará resposta a tódolos problemas da veciñanza de Valdeorras”.

O alcalde do Barco, Alfredo García Rodríguez, fixo fincapé no “progresivo” desmantelamento da sanidade pública, que cualificou coma un “escándalo” e sinalou que a veciñanza do Barco e da comarca “padéceo a diario, cun hospital que cada vez ten menos especialistas, menos servizos e menos traballadores”. Neste senso tamén puxo o foco en que “ano tras ano imos a peor, cun goberno autonómico que desmantela os servizos fundamentais para o Barco e a comarca, buscando o peche do hospital comarcal”.

García Rodríguez tamén puxo o foco nas infraestruturas lembran que o PP “leva anos desleixando á comarca” e apuntou a que durante o goberno de Rajoy “os proxectos urxentes da comarca estiveron paralizados e foi o PSOE que os puxo en marcha cando entrou no Goberno”. Neste senso apuntou que da man de Besteiro “melloraremos a estrada que une A Rúa coa Gudiña, que precisa da creación de terceiros carrís, para unha mellor comunicación coa estación do AVE”.

0.18273305892944