O PSdeG buscará blindar a Unidade de Paliativos do CHUO no Parlamento Galego

OurenseXa
Denuncian o “desmantelamento da Xunta” con esta unidade e reclaman un aumento inmediato de persoal especializado
psoe-paliativos-chuo
4 Mar 2026

O PSdeG-PSOE de Ourense presentará unha serie de iniciativas parlamentarias no Pazo do Hórreo co obxectivo de "blindar e reforzar" a Unidade de Paliativos do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO). Así o anunciaron esta mañá os socialistas, que denuncian que o “desmantelamento” e a “falta de recursos” están a poñer en risco a calidade asistencial nun momento de máxima vulnerabilidade para os pacientes e as súas familias.

A deputada ourensá, Carmen Dacosta, subliña que “a dignidade no final da vida non pode ser unha cuestión de códigos postais nin de orzamentos recortados”, e lembra que a provincia de Ourense, cunha pirámide poboacional altamente envellecida, require dunha estratexia de coidados paliativos “robusta, humana e dotada de medios suficientes”.

Porén, os socialistas consideran que a Xunta de Galicia está a “desatender” estes coidados e denuncian que a unidade de paliativos do CHUO pasou a ser “pioneira con lista de agarda de camas a contar neste momento con 0 doentes”.

Por iso, dende o PSdeG demandarán no Parlamento unha serie de medidas para poñer fin a esta situación, como o incremento do persoal coa contratación urxente de máis profesionais de enfermaría, medicina especializada e auxiliares para reducir a carga de traballo e garantir unha atención individualizada.

Ademais, solicitan o reforzo dos equipos de psicoloxía clínica e traballo social, esenciais para o soporte emocional tanto do paciente como da contorna familiar, e a mellora das infraestruturas, coa adecuación de dos espazos físicos na unidade para garantir a intimidade, o confort e un ambiente axeitado para o descanso.

Os socialistas instan ao goberno galego a que acepte estas propostas e que se realice unha auditoría técnica sobre as necesidades reais da Unidade de Paliativos do CHUO para evitar o colapso do servizo nun futuro próximo. "O compromiso coa sanidade pública”, insisten, “demóstrase con feitos e orzamentos, non con promesas baleiras mentres a xente máis vulnerable sofre as consecuencias dos recortes”.

0.12122797966003