O PSdeG celebra que o goberno de Jácome mude o emprazamento do parque canino de Barrocás e pide transparencia sobre a alternativa

OurenseXa
As socialistas lembran que en decembro o executivo municipal dicía que non habería cambios, pero o alcalde anunciou que non se fará no parque Angelita Paradela; agora reclaman aclaracións sobre a nova localización e o financiamento da Xunta
OURENSE parque canino de Barrocás
11 Jan 2026

O grupo municipal do PSdeG no Concello de Ourense manifestou a súa satisfacción despois de que o executivo de Gonzalo Pérez Jácome rectificase e decidise buscar outra ubicación para o futuro parque canino previsto no barrio de Barrocás. As socialistas aseguran que viñan reclamando un cambio ante o malestar veciñal e insisten en que agora é imprescindible que o goberno local explique con claridade cal será a alternativa elixida.

A portavoz do PSdeG, Natalia González, sostén que a rectificación demostra que as advertencias do seu grupo eran pertinentes, ao tratarse dunha decisión que (segundo defenden) non contaba co consenso do barrio. 'O importante é que se corrixa unha decisión que non contaba co consenso do barrio. O tempo demostrou que as nosas advertencias ían na boa dirección', sinala.

As socialistas lembran que levaron o asunto á Xunta de Área de Urbanismo e que, tal e como recolle a súa comunicación, a resposta inicial do goberno municipal era que non se contemplaba un traslado. Porén, poucos días despois, o alcalde anunciou que o parque canino finalmente non se situará no parque Angelita Paradela, ao entender que non se debe fragmentar un espazo que considera emblemático para a veciñanza de Barrocás.

O PSdeG demanda agora información pública sobre tres cuestións: onde se proxecta instalar o parque, se o cambio afecta ao financiamento comprometido pola Xunta de Galicia e se a administración autonómica acepta a nova proposta. O proxecto fora presentado como unha actuación conxunta entre Xunta e Concello, inicialmente vinculada ao parque Angelita Paradela.

⚙ Configurar cookies
0.083777904510498