O PSdeG da Merca formaliza unha queixa ante a Valedora do Pobo ante o “colapso institucional” no municipio

OurenseXa
O voceiro, Carlos Sousa, denuncia “insultos e ameazas” por parte do equipo de Goberno e anuncia unha “ofensiva legal e institucional para restaurar o orde e a transparencia no municipio”
casa-do-concello-a-merca
16 Mar 2026

O PSdeG-PSOE da Merca vén de formalizar unha queixa ante a Valedora do Pobo na que denuncian o “colapso democrático” do municipio, situación que será tamén trasladada ao Parlamento de Galicia.

O voceiro, Carlos Sousa, pide que se realice un seguimento do que acontece no Concello tralos “graves incidentes” ocorridos no último pleno. Neste sentido, Sousa denuncia “insultos e ameazas” por parte do equipo de goberno e anuncia unha “ofensiva legal e institucional para restaurar o orde e a transparencia no municipio”.

Para o voceiro, “os berros e a agresividade verbal vividos no pleno non son feitos illados, senón un síntoma da incapacidade da vella garda para xestionar unha opción fiscalizadora e moderna” e cualifican a reacción do goberno municipal como un “fenómeno de pánico institucional”.

Segundo Sousa, dende o equipo de Goberno “nunca se enfrontaron a unha xestión da oposición baseada en datos e leis, e ante a súa falta de argumentos, recorreron ao insulto e á ameaza”. Unha situación que di, “é a resposta instintiva a quen ve perigar un sistema de control de décadas”.

Dende o PSOE da Merca cualifican o acontecido no último pleno como un “espectáculo bochornoso” a advirten de que apostarán pola vía institucional ante a gravidade dos feitos. “Namentres eles perden os papeis, nós movémolos, a nosa resposta á agresión é máis xestión e máis legalidade”, di Sousa, que advirte de que “esta queixa é o primeiro paso porque xa temos outros pasos preparados para garantir que o concello deixe de ser un coto privado e pase a ser de tódolos veciños e as veciñas da Merca”.

O PSdeG-PSOE da Merca subliña que non entrará en descualificacións persoais, mantendo o seu compromiso cunha “política de altura” que contraste coa “inercia ao inmobilismo” da actual xestión municipal.

0.12442111968994