O PSdeG da Peroxa denuncia o “abandono” das rutas do Castelo

O grupo municipal do PSdeG-PSOE da Peroxa denuncia o estado das rutas actuais na contorna do castelo e os traballos realizados para instalar unha nova pasarela vinculada a unha futura ruta circular.
Segundo sinalan os socialistas, aínda que valoran positivamente a chegada dunha nova subvención de 30.000 euros para crear un novo itinerario, consideran que “non se trata só de facer obras, senón de mantelas”. Nese sentido, critican que os percorridos xa existentes na zona están “totalmente abandonados, con valados caídos, maleza, árbores sen retirar e unha imaxe penosa para quen os visita”.
En relación coa nova actuación, o PSdeG-PSOE rexeita “como quedou a zona” tras a instalación da pasarela, asegurando que o proceso “non foi o axeitado” e que a zona afectada debería ter recuperado un estado similar ao orixinal. Afirman que durante os traballos se terían producido destrozos en parte dos muros do “vello camiño do Castelo e da Peroxa Vella dende Graíces” e que se teñen arroxado restos de madeira ao cauce do regato, algo que, ao seu xuízo, xa debería estar solucionado.
O grupo insta ao Concello a “tomar as medidas oportunas” para corrixir as anomalías e restaurar o estado orixinal da zona.