O PSdeG de Cartelle advirte do risco de derrubamento da Torre de Sande

OurenseXa
Alertan de que nas últimas semanas a xa delicada situación deste Ben de Interese Cultural agravouse tras aparecer una nova fenda, e cargan contra a “inacción” das institución pública
Torre de Sande
17 Mar 2026

O PSdeG-PSOE de Cartelle alerta do “gravísimo” estado de deterioro da Torre de Sande e advirte que o monumento podería sufrir un derrubamento se non se actúa con urxencia, logo de aparecer nas últimas semanas unha fenda de aproximadamente 15 centímetros de ancho nun dos muros da torre. No seu interior, advirten, “medra unha hedra que, de forma totalmente precaria, está mantendo unida a propia estrutura”.

Para os socialistas, que xa veñen tempo denunciando o “abandono absoluto” deste Ben de Interese Cultural (BIC), esta circunstancia “evidencia o avanzado estado de degradación da construción e o perigo real de desprendementos ou mesmo de derrubamento”, polo que consideran “imprescindible” actuar de maneira inmediata para evitar “unha perda patrimonial irreparable”.

O voceiro do PSdeG-PSOE en Cartelle, Jesús Pereiras Vázquez, cualifica a situación de “extremadamente preocupante” e critica con dureza a falta de resposta institucional. “O que está pasando coa Torre de Sande é inadmisible”, sinala, antes de afirmar que “estamos vendo como un monumento histórico e protexido como Ben de Interese Cultural se destrúe ante a pasividade absoluta das administracións”. Mentres tanto, di, “as administracións seguen sen tomar as medidas oportunas para garantir a súa conservación”.

O PSOE de Cartelle, lembra o voceiro, “leva anos advertindo do deterioro progresivo da torre e reclamando intervencións urxentes para garantir a súa conservación, sen que ata o momento se teñan producido avances ou actuacións efectivas”.

Ademais, critican con dureza que a día de hoxe “segue sen existir unha acreditación clara da titularidade do inmoble, xa que a familia que afirma ser propietaria continúa sen presentar ningún documento que demostre oficialmente esa condición”. “Mentres non se aclara a titularidade e as administracións miran para outro lado, a torre segue deteriorándose día tras día. Cada inverno, cada temporal e cada fenda nova achégannos máis á perda definitiva deste patrimonio”, sinala o portavoz socialista.

Por iso, consideran “imprescindible que as administracións actúen con responsabilidade e impulsen os mecanismos necesarios para garantir a protección do monumento”, e volven reclamar o inicio dos trámites para que a Torre de Sande pase a titularidade pública, permitindo así a súa consolidación estrutural, rehabilitación e posta en valor para o conxunto da veciñanza. “Se non se actúa xa, corremos o risco de asistir impotentes á desaparición dun dos símbolos históricos de Cartelle. Non podemos permitir que un BIC remate convertido nunha ruína pola desidia das administracións”, subliña Jesús Pereiras.

O PSdeG-PSOE de Cartelle lembra ademais que a Torre de Sande conta coa máxima protección patrimonial ao estar declarada Ben de Interese Cultural, o que implica obrigas legais claras para as administracións públicas en materia de conservación. Tal e como establece a Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural de Galicia, as administracións teñen o deber de garantir a protección, conservación e evitar a deterioración dos bens catalogados, podendo incluso adoptar medidas cautelares ou executar actuacións subsidiarias cando exista risco para a integridade do patrimonio.

Neste sentido, as e os socialistas advirten de que a “inacción institucional” podería supoñer un incumprimento das obrigas legais de protección do patrimonio cultural, xa que a normativa autonómica contempla mecanismos para intervir incluso en bens de titularidade privada cando o seu estado supoña perigo de perda ou destrución. “Non se pode permitir que un BIC continúe deteriorándose mentres as administracións se escudan na burocracia. A lei é clara: cando o patrimonio está en risco, hai que actuar”, sinala o portavoz socialista, Jesús Pereiras.

0.12344694137573