O PSdeG de Ourense acusa á Deputación de “irresponsabilidade” pola posta en marcha dos Ecobarcos nas Conchas

OurenseXa
Lembran que o encoro está en alerta 3 por contaminación e acusan ao PP da Deputación e da Xunta de “poñer en risco a saúde da poboación que poida facer uso destas augas”
Grupo provincial do PSdeG-PSOE de Ourense
11 Jul 2025

O PSdeG-PSOE de Ourense acusa á Deputación de Ourense e á Xunta de Galicia de cometer unha “gravísima irresponsabilidade”, ao anunciar o uso de ecobarcos no encoro das Conchas, que se atopa en nivel 3 de alerta por contaminación provocada polas cianobacterias. As e os socialistas lembran que o Real Decreto 175/2022 da Xunta de Galicia impide o baño e a realización de actividades acuáticas con este nivel de alerta e sinalan que ambos organismos “están pondo en risco a saúde da poboación que poida facer uso destas augas”.

Dende o Grupo Provincial Socialista lembran que o actual nivel 3 de alerta nas Conchas “é un risco potencial para a saúde das persoas, tanto polo contacto directo coas augas contaminadas, como pola emisión de gases contaminantes do mencionado encoro”. As e os socialistas tamén advirten que as últimas analíticas efectuadas son do 23 de xuño, polo que tal e como apuntan “a Xunta leva 17 días sen realizar as analíticas correspondentes”.

A deputada provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Elvira Lama Fernández, destaca que “é moi preocupante que no próximo pleno da Deputación se vaian aprobar as taxas para utilización destes ecobarcos no encoro das Conchas, que se poderán alugar de forma individual ou para grupos”. Ante esta situación, ironiza ao afirmar que “supoñemos que se porán en funcionamento para comprobar in situ a contaminación das augas”.

“Resulta sorprendente que a Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia incumpran a normativa sobre o programa de vixilancia de zonas de baño, pondo en risco a saúde da poboación que poida facer uso desas augas”, advirte Lama Fernández. Neste senso recalca que “estamos ante unha grave irresponsabilidade por permitir o uso e desfrute dun ecobarco nas augas contaminadas dun encoro en nivel 3 de alerta por contaminación”.

As e os socialistas tamén fan fincapé en que o cartel, que é obrigatorio instalalo en zonas de acceso ao baño, “di claramente que está prohibido o baño e tamén realizar calquera tipo de actividade acuática”. Dende o Grupo Provincial Socialista tamén lle afean aos concellos de Bande e Muíños que “non alerten da gravísima situación que supón este nivel 3 de alerta nas súas páxinas oficiais, que deberían transmitir información actualizada e en tempo real para que a veciñanza e os turistas o saiban”.

O Grupo Provincial Socialista anuncia por último que “reservámonos as accións que correspondan ante as institucións e organismos competentes ante unhas actuacións que consideramos dunha grave irresponsabilidade e que atentan contra a saúde pública de veciñanza e turistas que poidan acceder a este encoro”

⚙ Configurar cookies
0.1789870262146