O PSdeG de Ourense acusa ao PP de mentir sobre os investimentos do Goberno nas infraestruturas da provincia

O senador do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, desmonta o que considera “falacias e mentiras” do PP e amosa o compromiso do Goberno socialista coas infraestruturas e o desenvolvemento da provincia de Ourense. O responsable socialista na cámara alta revela a “dobre moral” do Partido Popular, que resignouse ao “abandono” da provincia cando gobernaba e amósase agora “esixente” cun Goberno que si está cumprindo con Ourense.
O PP presentou unha moción na comisión de despoboamento e reto demográfico no Senado, que preside o ex presidente da Deputación de Ourense, senador por designación autonómica e condenado por sentencia firme do Tribunal Supremo, Manuel Baltar, para acusar ao presidente do Goberno de trato “discriminatorio” cara a provincia de Ourense no ámbito das infraestruturas.
O senador socialista pola provincia de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, aproveitou a súa intervención no Senado para sinalar que “estamos ante unha manipulación carente de credibilidade e realizada dende a clásica hipérbole popular, que revela a dobrez á que nos teñen acostumados no senado”. Neste senso apuntou tamén que “o PP esixe o que incumpriu cando tiveron a oportunidade de gobernar, namentres propoñen acción e licitacións que se saltan ou ignoran os pasos que esixe o procedemento administrativo”.
Villarino lembrou que en 2013, con Mariano Rajoy ao fronte do Goberno, “tapiáronse os túneles do AVE”, sen esquecer as declaracións do ministro De la Serna en 2016, que cuestionaba o interese de investir 600 millóns de euros na variante exterior do AVE, contra o que reaccionou o propio alcalde da cidade por entón, o popular Jesús Vázquez”.
“Falan vostedes de agravios de Sánchez cara Ourense”, exclamou o senador socialista, que tamén lembrou que foi a ministra Ana Pastor “quen tombou o proxecto da estación intermodal de Ourense de Norma Foster, o que discriminou a alta velocidade de media distancia desta provincia con Santiago e A Coruña, pois quedou ao marxe das bonificacións que lle asignaron ao corredor entre Vigo e A Coruña”.
Cinguíndose ao contido da iniciativa do PP, Rodríguez Villarino falou de realismo, aportando datos para desmentir as “falacias” populares. “O AVE chegou a Ourense das mans dun Goberno socialista o 21 de decembro de 2021, é isto é un feito, non chegou en 2018, como anunciou Rajoy en outra das súas promesas incumpridas, neste caso en 2015”. Unha obra de 4.395 millóns de euros, realizadas por varios gobernos e que en palabras do senador ourensán “foi mérito de todos, incluso de aqueles paralizaron máis da conta o proxecto”.
Rodríguez Villarino tamén subliñou que nestes momentos “estase priorizando o tramo Taboadela-Seixalbo da variante exterior e a intención do Goberno progresista é impulsar as actuacións de mellora e modernización previstas nos tramos de conexión da variante, de acordo coa planificación e os Orzamentos Xerais vixentes”. Neste senso, o senador socialista tamén lembrou as obras de permeabilidade ferroviaria na cidade nas rúas Tarascón e Manuel Puga, que se atopan na fase final de supervisión trala alza dos prezos de 2022.
Investimentos millonarios na provincia da man do Goberno socialista
Rafa Villarino aproveitou a súa intervención para relatar os investimentos millonarios que o Goberno, encabezado por Pedro Sánchez, está realizando na provincia. Puxo entre outros exemplos a autovía A-56 entre Lugo e Ourense “na que xa se está executando a variante norte Eirasvedras-Quintela, cun importe de 35 millóns de euros”. Tamén destacou os investimentos nas obras de conservación e mantemento da A-52 e no resto de estradas de titularidade estatais na provincia, cun importe de 156,8 millóns de euros dende 2018.
O senador socialista tamén puxo o foco sobre a A-76, na que se continuará coa redacción dos proxectos dos tramos prioritarios, así como cos carrís de adiantamento na N-120 e da vía de acceso a Monforte de dita estrada. Villarino relatou que a solicitude de licitación do proxecto de saneamento do río Barbala e da EDAR de San Cibrao das Viñas “será inminente xa que o 14 de abril remitiuse o expediente ao departamento correspondente para realizar a tramitación económica e licitación”. Sobre a futura sede da Confederación Hidrográfica Miño-Sil lembroulle ao PP que “debe pasar todos os pasos que esixe o procedemento administrativo e que vostedes pretenden saltarse de novo”.
Villarino tamén destacou os diferentes investimentos realizados na provincia para afrontar o despoboamento e o reto demográfico. Entre eles destacan a estación intermodal, adxudicada en 111,7 millóns de euros, o centro de control de ADIF en Galicia, con 6,5 millóns, a estación de tren da Gudiña, con 3,6 millóns, a electrificación e modernización da liña ferroviaria entre Ourense e Monforte, con 335 millóns, a mobilidade sostible e dixitalización, con 9 millóns, o proxecto de modernización da N-525 en Xinzo, con 4,8 millóns, os 28 millóns para a modernización do regadío da Limia, os investimentos no centro cultural de San Francisco por 12 millóns de euros, os máis de 20 millóns destinados ao museo arqueolóxico, os 7,7 millóns para o proxecto OU-INTELIGENTE de AquaOurense, os 6 millóns para a modernización das brigadas de reforzo forestal (BRIF), ou os case 8 millóns a través de PERTES a empresas radicadas en Ourense.
“Todos estes investimentos desmontan a falacia de que Pedro Sánchez e o Goberno do Estado discrimina a Ourense”, afirmou Villarino, antes de sinalar que dende o PSOE “compartimos o interese do PP polo desenvolvemento dos proxectos planeados polo Goberno e asegurámoslles que seguirán levándose a práctica, con rigor, dende a responsabilidade, e ogallá que sexa tamén co apoio do seu grupo político, xa que este é o camiño para superar o despoboamento e afrontar o reto demográfico na provincia de Ourense”.