O PSdeG de Ourense carga contra o Goberno de Rueda e o acusa de “abandono sistemático” da provincia

O PSdeG-PSOE denunciou hoxe o “abandono” que, segundo sinalan, sofre a provincia de Ourense por parte da Xunta de Galicia cando se cumpren dous anos desde que Alfonso Rueda asumiu a presidencia do Goberno galego. Nunha rolda de prensa celebrada na sede provincial do partido participaron a deputada socialista no Parlamento de Galicia Carmen Rodríguez Dacosta, o secretario provincial do PSdeG en Ourense Álvaro Vila Araújo e a portavoz do grupo municipal socialista na cidade, Natalia González Beneitez.
Durante a comparecencia fixeron balance deste período e criticaron a xestión autonómica en ámbitos como a política forestal, o emprego, a sanidade, o financiamento municipal ou as infraestruturas.
A deputada autonómica Carmen Rodríguez Dacosta afirmou que o presidente da Xunta “só se acorda de Ourense cando hai eleccións”, mentres que no día a día “a provincia segue perdendo oportunidades, emprego e servizos públicos”. Rodríguez Dacosta lembrou o impacto dos incendios forestais rexistrados na provincia nos últimos anos e asegurou que, tras os lumes, “seguimos sen un plan integral de recuperación para as zonas afectadas”. A socialista tamén criticou que Galicia continúe sen unha nova lei de incendios, sen unha nova normativa para os montes veciñais en man común e sen plans de ordenación forestal actualizados.
No ámbito laboral, advertiu de que Ourense pechou o ano con 15.400 persoas desempregadas e unha taxa de paro do 11,7 %, a máis alta de Galicia. Ademais, indicou que nos últimos quince anos o sector primario perdeu arredor de 1.500 empregos, o que supón unha caída do 28 %. Segundo explicou, a diminución da actividade agraria e forestal tamén contribúe a aumentar o risco de incendios.
A situación da sanidade pública foi outro dos aspectos cuestionados. A deputada socialista asegurou que “38.847 persoas están actualmente en lista de espera na provincia, das cales 4.900 agardan por unha intervención cirúrxica, máis de 24.000 por consultas de especialidades e case 10.000 por probas diagnósticas”. “O hospital cae a cachos e os ourensáns teñen que esperar meses para ser atendidos”, lamentou.
Pola súa banda, o secretario provincial do PSdeG, Álvaro Vila Araújo, denunciou que a relación da Xunta coa provincia está marcada por “incumprimentos sistemáticos”. Segundo sinalou, Ourense é a provincia máis envellecida de Galicia e cunha maior dispersión poboacional, polo que considera especialmente grave a falta de respostas por parte do Goberno galego.
Entre os exemplos citados, destacou o Fondo de Cooperación Local, que segundo indicou, permanece practicamente conxelado desde 2010, o que dificulta o financiamento dos concellos máis pequenos. Tamén criticou o actual modelo de financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), asegurando que “o custo real do servizo está entre 21 e 22 euros por hora, mentres que a Xunta apenas cobre arredor de 16 euros, polo que os concellos teñen que asumir unha parte moi importante do gasto”.
Vila tamén sinalou a ausencia dun sistema de transporte metropolitano na área de Ourense, que segundo afirmou, “segue sendo a única cidade galega que non conta cun sistema deste tipo”. Ademais, denunciou o atraso en infraestruturas como a conexión viaria entre a A-52 e o polígono industrial de San Cibrao das Viñas, clave para mellorar a mobilidade no principal parque empresarial da provincia.
Pola súa banda, a portavoz socialista no Concello de Ourense, Natalia González Beneitez, centrou a súa intervención na situación da capital provincial, que cualificou como “o mellor exemplo do abandono histórico da Xunta”. Segundo indicou, “a débeda acumulada do Goberno galego coa cidade durante os 17 anos de gobernos do Partido Popular supera xa os 1.200 millóns de euros en investimentos comprometidos e non executados”. Entre os proxectos pendentes citou actuacións en infraestruturas, sanidade, vivenda pública ou desenvolvemento industrial, como a Rolda Leste de Ourense ou os atrasos no plan director do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO). “Se facemos a conta por habitante, a débeda da Xunta supera os 11.000 euros por cada veciño e veciña da cidade”, apuntou.
Para González Beneitez, esta falta de investimento sostida no tempo repercute directamente no desenvolvemento da cidade. “Cando unha cidade recibe menos investimento durante tanto tempo, o que perde non son só cartos; perde oportunidades para crear emprego, atraer empresas e mellorar os servizos públicos”, advertiu. A portavoz municipal concluíu asegurando que nos últimos anos o investimento do Goberno de España na cidade foi “catro veces superior ao realizado pola Xunta”. “Despois de 17 anos de promesas, Ourense non precisa máis anuncios; precisa feitos e que a Xunta comece a pagar a débeda histórica que ten coa nosa cidade e coa nosa provincia”, rematou.