O PSdeG de Ourense continúa a súa reagrupación comarcal de cara as eleccións de 2027

O PSdeG-PSOE de Ourense segue avanzando na constitución dos coordinadores rexionais co obxectivo de reforzar o partido en toda a provincia e preparar a estratexia de cara ás eleccións municipais de 2027.
Ata agora, os socialistas constituíron un total de seis coordinadoras rexionais. A última das reunións tivo lugar este venres en Verín, onde a voceira socialista no Riós e deputada provincial, Marina Vaz Quintillán, será a encargada de coordinar a comarca.
Dende a Executiva Provincial destacan que a reunión “serviu para realizar unha primeira toma de contacto coa comarca e comezar a mover os primeiros fíos de cara as eleccións electorais do 2027”. Asemade apuntan a que o obxectivo dos encontros “é pór en funcionamento a maquinaria coa vista posta neses importantes comicios electorais e comezar a deseñar os plans de traballo e estratexias de cara ás eleccións”.
As e os socialistas salientan que a comarca de Verín “conta a día de hoxe cunha importante representación e diferentes municipios, sendo unha das máis relevantes da provincia”. Tamén fan fincapé en que este encontro “busca reforzar o partido naqueles municipios nos que non temos representación, aumentar os representantes no resto de concello e sumar novas alcaldías e maiorías absolutas que reforcen o partido. A Executiva Provincial considera que esta labor “é primordial, primeiro para coñecer o territorio, e segundo para traballar cóbado con cóbado cos nosos voceiros e alcaldes na procura do mellor proxecto para a bisbarra e para propiciar o cambio que tanto precisan algúns municipios tras anos de goberno caciquil do PP”.
En relación con esta comarca, os socialistas gobernan en Castrelo do Val, Vilardevós e A Gudiña e tense representación en municipios como Laza, Riós ou A Mezquita. As e os socialistas póñense como meta aumentar este número de alcaldías, conseguir maior representación nestes concellos e lograr representación en municipios como Oímbra, Monterrei ou Cualedro.
A andadura dos socialistas na provincia comezou na Baixa Limia, oonde a coordinadora está presidida por José Manuel Fernández Cuquejo, concelleiro de Calvos de Randín, que abrangue os concellos de Bande, Calvos de Randín, Lobios, Muíños, Entrimo e Lobeira. Nesta comarca, o PSdeG-PSOE busca consolidar a súa representación, aumentar concelleiros e alcaldías, e disputar o único deputado provincial do partido xudicial de Bande, actualmente en mans do PP.
Pola súa banda, a comarca de Celanova conta coa coordinación de Jesús Pereiras Vázquez, portavoz socialista en Cartelle, e comprende os municipios de Celanova, Cartelle, Pontedeva e A Merca. Actualmente, o partido goberna en Ramirás, cogoberna en Celanova e ten representación nos demais municipios. O obxectivo nesta comarca será aumentar alcaldías e concelleiros e obter representación en Gomesende, Quintela de Leirado e A Bola.
Na comarca de Ourense, que engloba municipios como Ourense, Amoeiro, A Peroxa, Vilamarín, Barbadás, Toén, Coles, San Cibrao das Viñas, Pereiro de Aguiar, Paderne de Allariz, Baños de Molgas, Maceda, Esgos e Allariz, a coordinadora está dirixida por Brian Diz González, concelleiro de Amoeiro. A súa misión principal é reforzar o partido municipio a municipio e preparar candidaturas competitivas para os próximos comicios.
En canto á coordinadora de Trives-Caldelas, que reúne aos municipios de Castro Caldelas, A Pobra de Trives, Parada de Sil e San Xoán de Río, está encabezada pola alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega Núñez. Nesta comarca, o PSdeG-PSOE mantén alcaldías en A Pobra de Trives, Castro Caldelas, Parada de Sil e Manzaneda, e representación en San Xoán de Río, mentres traballa para ampliar a súa presenza en Montederramo, Chandrexa de Queixa e A Teixeira.
Por último, en Valdeorras, que abarca as comarcas de O Barco, Vilamartín de Valdeorras, Petín, Viana do Bolo, O Bolo, A Rúa, Rubiá, Larouco e A Veiga, a coordinadora está dirixida polo alcalde de O Barco, Aurentino Alonso. Actualmente, nesta comarca, o PSOE goberna en O Barco, Vilamartín de Valdeorras, Petín e Viana do Bolo, cogoberna en O Bolo e A Rúa e ten representación nos municipios de Rubiá, Larouco e A Veiga. Os socialistas márcanse como obxectivo aumentar o número de alcaldes nas próximas eleccións, mellorar o número de concelleiros nos municipios nos que teñen representación e conseguir presenza nos concellos de Carballeda de Valdeorras e Vilariño de Conso.
Desde a Executiva Provincial destacan que estas reunións son fundamentais para coñecer de primeira man as necesidades e fortalezas de cada municipio, traballar cos portavoces e alcaldes, mobilizar á militancia e conformar candidaturas sólidas e competitivas de cara a 2027.