O PSdeG de Ourense convoca un acto aberto á cidadanía baixo o lema “As mulleres facemos cidade”

A Executiva Municipal do PSdeG de Ourense celebrará este xoves, 5 de marzo, un acto con motivo do Día Internacional da Muller. A cita terá lugar ás 18.30 horas na Praza de Paz Nóvoa e desenvolverase ao aire libre, co obxectivo de fomentar a participación cidadá.
Baixo o lema “As mulleres facemos cidade”, a iniciativa pretende abrir a conmemoración do 8M á veciñanza e reforzar o compromiso coa igualdade desde o ámbito local. O encontro contará coa intervención de mulleres de distintos sectores da cidade —como os coidados, o emprendemento, o rural, o estudantado, a cultura, o deporte ou o asociacionismo— que compartirán a súa visión sobre o que supón a igualdade no seu día a día.
Durante o acto tamén se porá en marcha unha acción participativa denominada “Mural da Igualdade”, na que as persoas asistentes poderán deixar por escrito mensaxes e compromisos relacionados coa construción dunha cidade máis xusta e inclusiva.
A xornada incluirá ademais unha intervención política e a lectura do manifesto do 8M, e concluirá cun peche colectivo arredor da reivindicación da igualdade. Desde a organización animan á cidadanía a sumarse a esta convocatoria aberta.