O PSdeG de Ourense critica xestión da tarxeta sanitaria para os galegos no estranxeiro
O PSdeG-PSOE de Ourense, a través da secretaría provincial de migracións, informa que a tarxeta sanitaria galega, para galegos e galegas residentes no estranxeiro, non é válida para os galegos e galegas que residen en Europa e exclúe aos cónxuxes non galegos.
A área de migracións do PSOE ourensán acusa á Xunta de Galicia e a Alfonso Rueda de “crear unha falsa sensación” entre os galegos e as galegas do exterior residentes en Europa. Tal e como explica o secretario provincial de migracións, Luís Gulín Iglesias, “a Xunta anunciou que estas persoas poden acceder gratuitamente á sanidade galega durante as súas estancias temporais de vacacións en Galicia, algo que non é certo”.
Tal e como explican dende o PSdeG-PSOE de Ourense, o acceso á tarxeta sanitaria dixital “só é válida para os galegos e as galegas residentes fóra da Unión Europea”. Incluso os galegos e as galegas residentes en Andorra, Brasil e Chile non poder acceder a esta prestación, ao existir un convenio bilateral coa seguridade social española.
Nos últimos días, a área de migracións recibiu solicitudes de información por parte de emigrantes residentes en Arxentina e Uruguai sobre se o cónxuxe español e non galego pode acceder a esa tarxeta sanitaria dixital. Tal e como explica Luís Gulín “ao ser un dos requisitos imprescindibles figurar rexistrado no padrón de españois residentes no estranxeiro en calquera dos concellos de Galicia, moitos galegos e galegas no exterior teñen cónxuxes ou parellas de feito con nacionalidade española, pero rexistrados no padrón municipal doutras comunidades autónomas”.
O secretario provincial de migracións do PSdeG-PSOE de Ourense considera que a emisión dunha tarxeta sanitaria dixital para galegos residentes no estranxeiro “é a típica acción populista da Xunta” e sinala que “en lugar de optar por medidas populistas, sería bo que Alfonso Rueda cumprise coa súa promesa electoral de prestar asistencia sanitaria gratuíta aos emigrantes retornados definitivos de Suíza”. Gulín tamén avoga porque o goberno galego “garanta tamén a asistencia sanitaria aos galegos e ás galegas retornadas da Unión Europea”.