O PSdeG de Ourense denuncia a supresión da atención presencial no despacho de billetes do Teatro Principal

OurenseXa
O Grupo Provincial Socialista reclama explicacións urxentes á Deputación de Ourense pola falta de atención ao público no Teatro Principal
teatro_principal_recurso
Teatro Principal de Ourense
4 Xuño 2024

O Grupo Provincial Socialista demandou “explicacións urxentes” da Deputación trala supresión da atención presencial no despacho de billetes do Teatro Principal de Ourense. Os socialistas rexistraron unha petición de información na institución provincial ao respecto, considerando que “non é de recibo que non haxa un horario regular de atención ao público e que os usuarios do servizo teñan que realizar a través de Internet absolutamente todas as súas xestións, incluíndose entre estas a venda de entradas”, sostén o voceiro socialista, Álvaro Vila.

Neste senso, o Grupo Provincial socialista esixe unha resposta e, sobre todo, o “arranxo inmediato da situación”. “A falla de atención presencial redunda en que usuarias e usuarios do Teatro Principal se vexan impedidos desfrutar da súa oferta cultural ao carecer dos recursos dixitais, mecanismos de pagamento electrónico ou destrezas requiridas a tal efecto, véndose directamente afectado o principio de universalidade e equidade no acceso aos servizos públicos”, engade Vila.

Segundo se publicou en medios locais, “a medida é provisional e ten a súa orixe en que as dúas persoas que atenden o servizo encóntranse en situación de baixa laboral”. Para Vila, “denotando falta de previsión e unha mala organización, as xustificacións publicadas son inconsecuentes e grotescas para unha entidade como a Deputación de Ourense, que dispón de medios máis que suficientes para cubrir as ausencias, non podendo contentarse con poñer na porta un aviso advertindo da soa posibilidade de adquisición en liña dos tíckets”, sentenza Vila.

0.22407293319702