O PSdeG de Ourense destaca o impulso do Goberno central á provincia nos últimos sete anos

O PSdeG-PSOE de Ourense valorou este luns os sete anos de Goberno de Pedro Sánchez, salientando a “aposta decidida” do Executivo central pola provincia, que, segundo os socialistas, avanzou como “nunca antes” grazas a “importantes” investimentos en emprego, infraestruturas, mocidade e políticas sociais.
Nunha rolda de prensa conxunta con Xuventudes Socialistas, interviñeron a deputada Marga Martín Rodríguez, o senador Rafael Rodríguez Villarino e o secretario local das Xuventudes Socialistas, Miguel Gómez, que puxeron en valor distintas actuacións impulsadas polo Goberno central.
Segundo Martín Rodríguez, “estamos ante un Goberno que traballa, que xera máis emprego, que mellora os salarios, que amplía dereitos, que reforza a convivencia e que garante as pensións dos ourensáns e as ourensás”. A deputada destacou o crecemento do emprego, a suba do salario mínimo interprofesional e o incremento das pensións como avances clave. Indicou que o salario mínimo pasou de 736 a 1.184 euros, beneficiando a unhas 13.000 persoas na provincia, e que o número de afiliacións á Seguridade Social pasou de 104.333 no ano 2018 a 108.226 na actualidade.
Tamén sinalou que 11.500 persoas en Ourense perciben o ingreso mínimo vital, cun investimento acumulado de máis de nove millóns de euros. En canto ás pensións, apuntou que os 108.847 pensionistas da provincia pasaron de cobrar 732 euros mensuais a 976. “Este Goberno fixo algo que o PP dicía que era imposible, que era subir os salarios e crear máis emprego”, remarcou.
Pola súa banda, o senador Rafael Rodríguez Villarino centrou a súa intervención no ámbito das infraestruturas. “Cando o PP tivo oportunidade de facer algo pola provincia, impediuno, bloqueando o desenvolvemento, mentres que dende o PSOE fixemos todo o contrario e impulsamos medidas para mellorar a calidade de vida e rematar coa discriminación”, afirmou.
Villarino destacou proxectos como a chegada do AVE, a variante exterior —cun investimento de 300 millóns de euros—, a electrificación da liña a Monforte e a variante norte, que permitirá facer realidade o futuro bulevar termal. Tamén mencionou outras actuacións como a reforma do complexo de San Francisco (35 millóns de euros), as obras do Museo Arqueolóxico (máis de 15 millóns), o regadío da Limia (42,2 millóns), a mellora do saneamento do río Barbaña e da EDAR de San Cibrao (máis de 35 millóns), a dixitalización (9 millóns) e o investimento na base BRIF de Laza (6 millóns). “Todos estes investimentos demostran as vantaxes que ten para a provincia contar cun Goberno socialista”, concluíu.
Por último, Miguel Gómez, secretario local das Xuventudes Socialistas, puxo o foco nas políticas destinadas á mocidade. “As becas aos estudantes permitiron impulsar o ascensor social, duplicándose as contías e beneficiando a máis de 70.000 galegos e galegas”, sinalou. Tamén defendeu medidas como o bono de transporte gratuíto para a mocidade durante dous anos e a futura tarxeta única de transportes. Ademais, subliñou a importancia do salario mínimo para as novas xeracións: “Era vergoñento cando gobernaba o PP e hoxe segue medrando e resulta moi importante para a mocidade”. Gómez concluíu afirmando que o actual Goberno “ten proxecto e paga a pena seguir loitando”.