O PSdeG de Ourense esixe a Rueda un diálogo real cos concellos afectados polos incendios e asegura que as axudas son “insuficientes”

OurenseXa
Os socialistas denuncian “o abandono do rural, a falta dun plan de prevención e a ausencia dunha estratexia para recuperar as zonas queimadas”
incendio-manzaneda
Incendio de Manzaneda
3 Sep 2025

O PSdeG-PSOE de Ourense critica con dureza a reunión convocada polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, cos alcaldes e alcaldesas afectados polos incendios forestais, un encontro que consideran “quedou reducido a unha mera exposición unilateral das medidas do goberno galego, sen dar espazo a un diálogo político real”.

“Non se pode despolitizar unha traxedia que require decisións políticas”, din os socialistas, que cargan contra as verbas do presidente da Xunta que sinalou durante o encontro que “non esta non é unha reunión para falar de política” e destacan que o líder do PP galego “só se limitou a anunciar que comparecería no Parlamento máis adiante”

Para os socialistas, esta afirmación “é inaceptable” e lembran que “a xestión dos incendios e a recuperación do territorio son cuestións eminentemente políticas e que precisan de planificación, recursos e coordinación interinstitucional”.

Para o secretario xeral do PSdeG-PSOE de Ourense, Álvaro Vila, “cando o presidente da Xunta lle di aos alcaldes e ás alcaldesas que non se pode falar de política, está negando a esencia do que se lle demanda, que non é outra cousa que solucións políticas a un problema que é político e estrutural”.

Así, di, a reunión “foi un intento máis de agochar a súa incompetencia na prevención, como posteriormente na extinción e agora na recuperación trala vaga de incendios do mes de agosto”, e lembra que os incendios “non se apagan só con medios, senón con políticas públicas”. Para os socialistas, Rueda “está renunciando a afrontar as causas estruturais dos lumes” ao eludir o debate político.

Denuncian ademáis “o abandono do rural, a falta dun plan de prevención e a ausencia dunha estratexia para recuperar as zonas queimadas” como parte intrínseca da traxedia, e consideran que axudas anunciadas son “insuficientes e sen concreción”, xa que apuntan, “non se concretan claramente nin os prazos nin os procedementos a seguir”.

Recoñecen que as achegas anunciadas ata agora, entre as que destacan a as axudas para particulares que sufriron danos en vivendas, a compensación parcial para explotacións agrícolas e gandeiras ou os fondos para a restauración ambiental e forestal, son “necesarias”. Porén, para os socialistas, as achegas non chegan e veñen sen un plan integral, e insisten en que “non se pode reconstruír o territorio con parches, fai falta un proxecto estratéxico que garanta o futuro para as zonas afectadas”.

Critican que as axudas aos concellos están destinadas a dúas actuacións e con importes de entre 20.000 e 40.000 euros para danos municipais, e consideran que estas cifras estarían afastadas da realidade e non permitirán cubrir os danos ocasionados polos incendios en áreas recreativas, camiños, rutas ou edificacións públicas afectadas polo lume.

Apuntan, ademais, a que as aaxudas son de concorrencia competitiva, e aseguran que “aínda que Rueda di que ninguén vai quedar sen elas, este procedemento fará que non todos os concellos poidan recibilas, polo que estamos ante unha contradición máis do presidente da Xunta e líder do PP de Galicia”.

Por iso, os socialistas esixen que a Xunta de Galicia abra un proceso “real” de diálogo cos concellos, con mesas de traballo e decisións consensuadas, porque a política “está para solucionar problemas, non para agochalos detrás dunha comparecencia parlamentaria futura”.

⚙ Configurar cookies
0.15340304374695