O PSdeG de Ourense esixirá no Parlamento responsabilidades polo derrube no Hospital Materno Infantil

OurenseXa
A parlamentaria, Carmen Rodríguez Dacosta, reclama ao Goberno galego que “asuma as súas responsabilidades”
Carmen Rodriguez Dacosta
24 Jul 2025

O PSdeG-PSOE de Ourense levará ao Parlamento de Galicia o novo derrube dun falso teito no Hospital Materno Infantil do CHUO para esixir responsabilidades políticas e unha resposta urxente por parte da Xunta. As socialistas denuncian que é “a terceira vez que se produce a mesma situación”, o que, segundo manifestou a deputada autonómica Carmen Rodríguez Dacosta, “pon en risco non só aos e ás profesionais, senón tamén ás persoas usuarias do servizo”.

A parlamentaria ourensá reclama ao Goberno galego que “asuma as súas responsabilidades” ante o deterioro dunhas instalacións sanitarias que acollen “a poboación máis vulnerable, como mulleres embarazadas, neonatos e crianzas”. Por iso, esixen que o executivo de Rueda presente, “nun prazo máximo dun mes, un cronograma detallado sobre a apertura do novo edificio do Hospital Materno”.

Así mesmo, Rodríguez Dacosta solicita que se escoiten as reivindicacións tanto dos e das profesionais sanitarios, representados polo Comité Intercentros, como das asociacións de nais afectadas. “Tamén pedimos que se garanta a reubicación temporal da actividade asistencial en zonas seguras tanto para as nais como para os seus fillos e fillas”, subliña.

Desde o PSdeG consideran que estes episodios poñen en evidencia “unha inxustificable neglixencia” por parte da Consellería de Sanidade, que “mantén en funcionamento unhas instalacións visiblemente deterioradas e potencialmente perigosas, mesmo despois de múltiples alertas, advertencias e denuncias públicas”.

Segundo o texto que se defenderá na Cámara galega, o goberno autonómico “segue sen ofrecer explicacións convincentes, nin asumir responsabilidades políticas nin técnicas, nin abrir investigacións rigorosas e públicas sobre o acontecido”.

Para as socialistas, a falta de avances visibles nas obras do novo edificio agrava a situación e prolonga “a dependencia dunha infraestrutura obsoleta e perigosa”. “A situación resulta aínda máis grave se temos en conta que estas deficiencias afectan a un centro hospitalario que atende á poboación máis vulnerable”, conclúe Rodríguez Dacosta.

⚙ Configurar cookies
0.14856100082397