O PSdeG de Ourense fai un chamamento a loitar contra a violencia machista

O PSdeG-PSOE de Ourense, a través da Comisión Executiva Provincial e da Comisión Executiva Municipal, amosa a súa “conmoción e consternación ante os recentes acontecementos de violencia machista que tiveron lugar na provincia de Ourense nos últimos dous meses e que deixan un balance funesto neste 2025”.
Ao asasinato dunha muller de 76 anos nas Ermitas (O Bolo), presuntamente, a mans da súa parella a comezos de abril, súmanse agora o incidente acontecido no Barco de Valdeorras, no que unha muller saltou dun cuarto piso pola fiestra para escapar do seu suposto agresor. Nesta fin de semana tamén tívose constancia dunha nova vítima en Verín, que se atopa hospitalizada tras recibir dous impactos de bala, noutra circunstancia que se investiga como posible violencia de xénero.
“As e os socialistas sumámonos ás condolencias trasladadas a familiares e amizades das vítimas, e trasladamos todo o noso agarimo e afecto aos seus achegados. Reclamamos que, sempre que se teña coñecemento de estas situacións de violencia de xénero, se denuncien, para evitar que sucedan acontecementos como os ocorridos na provincia nestas últimas dúas semanas”.
“A violencia de xénero, en calquera das súas formas, e os asasinatos machistas”, sinalan os socialistas, “nunca poden ser normalizados, nin moito menos silenciados por parte da sociedade. A violencia machista non é unha cuestión partidista ou de ideoloxía. É unhas violencia sistemática dos dereitos das mulleres e combatela debe ser unha prioridade de tódalas institucións, máis alá das diferentes cores políticas”.
O número de casos activos por violencia machista rexistrados en VioGen (un total de 532) fai imprescindible que toda a sociedade, as institucións e os partidos políticos apliquen a tolerancia cero contra esta vulneración dos dereitos humanos que xa deixa en Ourense, no que vai de ano, unha vítima mortal e dúas feridas de gravidade.