O PSdeG de Ourense homenaxea ás pioneiras que empregaron a educación para mudar a sociedade

OurenseXa
“As mestras achegáronse aos pobos máis remotos e peor comunicados, pero tamén impulsaron outras institucións para expandir a educación e perfeccionala”, sinalou a docente e investigadora Rosa María Cid Galante
mestras_república
O PSdeG de Ourense homenaxea ás pioneiras que empregaron a educación para mudar a sociedade
10 Mar 2024

Como recoñecemento a todas esas mulleres pioneiras que saíron da casa para desenvolver unha profesión, e que son o claro exemplo de que sen o feminismo a sociedade non avanzaría como o fixo, a agrupación municipal do PSdeG de Ourense organizou unha xornada sobre as mestras da República. Participaron na mesma a secretaria xeral do partido na cidade, Natalia González; a responsable de Igualdade da executiva local, Zaida Rodríguez; a súa homóloga en XX.SS., Ainoa Rodríguez, e a investigadora e docente Rosa María Cid Galante.

Esta última ofreceu unha ponencia sobre o papel fundamental das mestras para acabar co analfabetismo na nosa sociedade e a intelixencia daquelas que viron na educación unha oportunidade para mudar as cousas, sendo a docencia unha das primeiras profesións ás que se permitiu acceder ás mulleres. “Entendíase que coidar de nenos e nenas era unha actividade non só que podían desenvolver, senón que lles era inherente polo seu xénero”, destacou a tamén escritora, esta mañá, na sede ante o público asistente.

Nesta liña, incidiu no papel que xogaron para mellorar a educación baixo os principios da República e corrixindo as deficiencias educativas que arrastraba o sistema. “A formación dos e das mestras non debía quedar tan só dentro das escolas, senón que había que contextualizar e isto fixo que toda a nosa provincia se dinamizara”, explicou Cid Galante.

“As mulleres aportaron outra perspectiva conscientes do paso que podía supoñer para o futuro. As mestras achegáronse aos pobos máis remotos e peor comunicados, pero tamén impulsaron outras institucións para expandir a educación e perfeccionala. Por exemplo, a Casa do Mestre, que se fundou en Ourense en 1935, serviu para organizar charlas, prestar axuda aos e ás docentes en cuestións burocráticas e lexislativas, así como ofertar máis formación profesional. A esta casa afiliáronse 90 mestras, case todas republicanas”, resumiu.

Logo dun traballo incansable de documentación, Cid Galante atopou que moitas non se atreveron a alzar a súa voz na época da represión, pero que o seu pensamento quedou patente na súa forma de ensinar. “Algunhas foron sancionadas e outras depuradas. As máis discretas continuaron o labor como boamente puideron”, lamentou a investigadora.

“Sendo o maxisterio unha profesión cada vez máis feminizada, non é erróneo pensar que as mestras foron a alma e o motor dos cambios educativos que propugnaba a República. Estas mestras aplicaban novas técnicas didácticas, pedagóxicas e métodos modernos de ensinanza baseados no sistema de aprendizaxe gobal nos que o neno e a nena era o centro do proceso educativo”, afirmou sobre estas pioneiras cuxas pegadas chegan ata a actualidade.

Ao remate da súa intervención proxectouse o filme “As mestras da República” (2013), da directora Pilar Pérez Solano, que recibiu o Goya á mellor longametraxe documental.

0.2001850605011