O PSdeG de Ourense lamenta que as administración públicas non conmemorasen o 'Día de Nós'
Dende a Comisión Executiva Municipal do PSdeG-PSOE de Ourense lamentan que, de novo, a cultura en Ourense non reciba a atención e promoción que merece ao non haber ningún acto programado polo Concello para conmemorar os 104 anos da saída do número 1 da revista Nós.
“A cultura é a expresión da nosa humanidade e, como tal, é un ben de primeira necesidade e un dereito para exercer. É aquilo que nos define, configura o noso imaxinario colectivo e convértese en factor de cohesión social. A Cultura é unha das nosas fortalezas como país. Ten unha importancia económica decisiva, é unha oportunidade para o benestar da cidadanía, é un sector estratéxico para a nosa proxección no exterior, e goza ademais dun recoñecemento constitucional... excepto para quen rexe o municipio de Ourense, que prefire outro panorama distinto”, sinala o secretario de Memoria Democrática, Xosé Lois Carrión.
Neste senso, lembran que a data foi declarada oficialmente en 2010 polo Concello de Ourense –así como pola Deputación Provincial– como ‘Día de Nós, festa local de interese cívico-cultural’ na cidade. “Esta revista foi o voceiro daquela xeración que fixo da capital das Burgas a Atenas de Galicia, de aí que o primeiro número saíra da imprenta local de La Región, tal día coma hoxe, en 1920”, destaca.
“Con algúns paróns, foi unha realidade deica uns días antes do golpe de Estado fascista. Nela mesturábanse seccións de arte, pensamento ideolóxico, literatura, etnografía... Con contribucións de persoas tanto galegas como doutras procedencias. Nós era galega e europeísta”, subliña sobre a idiosincrasia da publicación o secretario de Memoria Democrática.
Así as cousas, recordan dende o PSdeG que a declaración institucional, lida o 30 de outubro de 2010 no salón de plenos do Concello de Ourense, salientaba a "exemplaridade dunhas persoas que, de forma tan intensa como desinteresada, souberon traballar todos a unha e de mans dadas, depoñendo ambicións cativeiras, erguendo por riba das lexítimas arelas individuais un supremo obxectivo colectivo: o engrandecemento e a modernización de Galiza como país europeo". E, ademais, mostraba o compromiso por institucionalizar en Ourense o 30 de outubro, dende aquel mesmo ano, como data "da conmemoración oficial e cívica do Día de Nós, A Nación-Cultura Galega”.