O PSdeG de Ourense lembra ás 13 Rosas

OurenseXa
O 5 de agosto conmemórase o asasinato das 13 rosas: mulleres republicanas, presas políticas e asasinadas polos franquistas en 1939
natalia_gonzalez_benitez_concello_ourense
Natalia González Beneitez, portavoz do PSdeG-PSOE no Concello de Ourense
5 Aug 2024

Dende a Comisión Executiva Municipal do PSdeG de Ourense lembran, este 5 de agosto, a memoria das 13 rosas: mulleres republicanas, presas políticas e asasinadas polos franquistas na madrugada de tal día coma hoxe en 1939 no cemiterio da Almudena.

“Victoria Muñoz García, Luisa Rodríguez de la Fuente, Adelina García Casillas, Virtudes González García, Elena Gil Olaya, Dionisia Manzanero Salas, Ana López Gallego, Martina Barroso García, Joaquina López Lafiite, Carmen Barrero Aguado, Pilar Bueno Ibáñez e Blanca Brisac Vázquez merecen máis que unha lembranza nos actuais tempos nos que as formacións políticas de dereita e ultradereita tentan reescribir o pasado. Tempos nos que, dende os seus gobernos en diferentes comunidades autónomas, non respectan a Lei de Memoria Democrática”, reivindica a secretaria xeral da CEM, Natalia González.

“Aquel día foron fusilados 56 integrantes das Juventudes Socialistas Unificadas entre as que se atopaban as 13 mulleres que pasaron á historia coma as 13 rosas. Uns días antes, o 29 de xullo, un comando das JSU executara, en Talavera de la Reina, a un comandante da Garda Civil, acción na que faleceron tamén a filla e o condutor no vehículo no que viaxaban. Como vinganza, os franquistas celebraron un paripé de Consello de Guerra para xulgar a 57 militantes da organización que estaban detidos dende había meses”, recorda o secretario de Memoria Histórica e Dereitos Humáns da CEM, Xosé Lois Carrión.

A estas 13 mulleres habería que engadir outra (Antonia Torres) que non foi asasinada a mesma madrugada por un erro administrativo pero que tamén fusilaron meses despois.

Así mesmo, as e os socialistas sinalan tamén que, entre as 3.000 persoas fusiladas nas tapias do cemiterio madrileño deica o 04.02.1944, se atopan 7 nados en Ourense: Manuel Álvarez González (de 38 anos, natural de Vilamarín asasinado o 04.06.39), Modesto Álvarez González (de 38 anos, natural do concello de Maceda, asasinado o 18.06.39), Manuel Ramos Fernández (de 38 anos, natural do concello de Coles, fusilado o 21.10.39), Antonio Díaz Cortinas (de 37 anos, natural do concello de Ourense, fusilado o 19.01.40), Eladio Rodríguez González (de 27 anos, natural de Vilamartín de Valdeorras, fusilado o 21.01.42), Domingo Rodríguez Fernández (de 27 anos, natural Vilamartín de Valdeorras, fusilado o 27.01.43) e Cesáreo Lausada Vilanova (de 38 anos, natural de Souto do Castelo, fusilado o 10.02.43).

“Por todas e cada unha das rosas e caraveis asasinados e asasinadas polo franquismo, as persoas decentes non podemos permitir que os seus nomes sexan borrados da historia”, remata contundente o socialista.

0.16043186187744