O PSdeG de Ourense levará ao pleno unha moción para pedir máis prazas no progama de Xantar na Casa

O PSdeG de Ourense levará ao pleno deste venres, 5 de setembro, unha moción para pedir máis prazas no progama de Xantar na Casa. Os socialistas entenden que dito programa, dirixido a persoas maiores ou en situación de dependencia que facilita unha alimentación equilibrada e adaptada ás súas necesidades a través da entrega de menús a domicilio, constitúe un servizo social básico.
Ademais, advirten de que hai demandantes en lista de agarda, polo que reclaman ao goberno municipal que reclame á Xunta de Galicia o incremento de beneficiarios do mesmo.
“Trátase dun recurso de importancia para a mellora da calidade de vida das e dos usuarios, a promoción da autonomía persoal e o mantemento da súa permanencia no fogar a través da menús a domicilio. Actualmente, en Ourense, só hai 62 prazas; pero un total de 9 veciños e veciñas permanecen en espera tras solicitar o servizo”, explica a voceira do PSdeG na administración local, Natalia González.
Para os socialistas, a realidade social amosa que a demanda segue a medrar, polo que din, resulta urxente reforzar o programa, ampliar prazas e habilitar crédito suficiente para atender todas as solicitudes pendentes e futuras.
Así as cousas, as e os socialistas urxen a que o executivo de Gonzalo Pérez Jácome realice, de inmediato, as xestións precisas co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar da Xunta para asinar unha addenda ao convenio actual que permita ampliar o número de beneficiarios e atender “tanto ás persoas en lista de agarda como ás futuras demandantes”.
Os socialistas buscarán a través desta moción o respaldo do pleno e lembran que “a propia cláusula terceira do convenio establece que este número máximo de persoas beneficiarias poderá ser modificado mediante a sinatura da correspondente addenda de modificación”, sempre que se xustifique a necesidade e exista consignación orzamentaria axeitada por parte das institucións asinantes.
Paralelamente, a deputada no Parlamento de Galicia por Ourense, Carmen Rodríguez Dacosta, insistirá no Pazo do Hórreo con outra iniciativa para presentar a demanda tamén ante o goberno autonómico e garantir que ningunha persoa que cumpra os requisitos quede sen cobertura por cuestións administrativas ou de limitación de prazas.