O PSdeG de Ourense logra a aprobación de dúas iniciativas clave para a cidade

OurenseXa
Os socialistas lograron que se aprobaran a súas mocións para elaborar un Plan de Emerxencias Municipal e para a ampliación do número de prazas do programa Xantar na Casa, ambas coa abstención de DO e o apoio de BNG e PP
grupo-municipal-socialista-ourense
5 Sep 2025

O grupo municipal socialista conseguiu que se aprobasen na sesión plenaria ordinaria de setembro dúas das súas propostas: a elaboración dun Plan de Emerxencias Municipal (PEMU) para Ourense e a ampliación do número de prazas do programa Xantar na Casa. As dúas mocións recibiron o apoio de BNG e PP, mentres que DO se absteu.

Respecto ao PEMU, a voceira socialista Natalia González Benéitez destacou a importancia de que “a terceira cidade de Galicia conte canto antes cun Plan de Emerxencias Municipal porque se trata dunha ferramenta clave de planificación e preventiva”. O plan permitirá identificar riscos, analizar os recursos dispoñibles e establecer protocolos claros ante situacións de emerxencia, como evacuacións, confinamentos, activación de centros operativos e coordinación interinstitucional.

Ademais, a proposta inclúe a creación dunha xunta técnica consultiva formada por responsables dos servizos municipais, representantes dos grupos municipais e outros axentes relevantes. Tamén se solicita que o PEMU sexa homologado pola Comisión Galega de Protección Civil, garantindo así a súa integración no Plan Territorial (PLATERGA) e abrindo vías de colaboración entre institucións.

A segunda iniciativa presentada polos socialistas céntrase en Xantar na Casa. O grupo municipal solicita ao goberno local que inste á Xunta de Galicia a ampliar as prazas do programa para atender ás 9 persoas que actualmente están en lista de agarda e ás futuras solicitudes.

González Benéitez lembrou que “na actualidade, este servizo municipal dá cobertura a 62 persoas na cidade de Ourense, mais existen 9 veciños e veciñas en lista de agarda que non poden acceder a el pola falta de prazas dispoñibles. Ademais, a realidade social amosa que a demanda segue a medrar, polo que resulta urxente reforzar o programa, ampliar prazas e habilitar crédito suficiente para atender todas as solicitudes pendentes e futuras”.

A portavoz subliñou que a cláusula terceira do convenio permite modificar o número máximo de beneficiarios mediante a sinatura dunha addenda, sempre que se xustifique a necesidade e exista consignación orzamentaria axeitada. “Tendo en conta o envellecemento da poboación, o incremento das situacións de dependencia e o valor social deste servizo, resulta prioritario instar á Alcaldía a promover, con carácter inmediato, as xestións necesarias ante o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar para a sinatura dunha addenda ao convenio actual que permita ampliar o número de prazas ofertadas na cidade”, rematou.

⚙ Configurar cookies
0.16253399848938