O PSdeG de Ourense logra apoio unánime na Deputación para impulsar un pavillón de ximnasia

OurenseXa
Outra moción aprobada por unanimidade está centrada na aplicación efectiva do protocolo de protección de menores no deporte
PSDEG-DEP-OU
25 Jul 2025

O Grupo Provincial Socialista da Deputación de Ourense conseguiu a aprobación das dúas mocións que presentou no pleno ordinario, consolidando así o seu papel como forza propositiva e útil para o conxunto da provincia. As iniciativas contaron cun amplo respaldo, destacando especialmente a relativa á creación dun pavillón multiusos de ximnasia e ao recoñecemento de Ourense como capital galega desta disciplina, que acabou converténdose nunha proposta conxunta trala adhesión de PP, BNG e Democracia Ourensana.

O voceiro socialista, Álvaro Vila, lembrou que “a Xunta de Galicia comprometeu xa en 2014 un orzamento estimado en tres millóns de euros para esta infraestrutura, pero esta promesa de longa data permanece incumprida máis dunha década despois, chegando xa o momento de que todas as administracións concernidas se coordinen para resolver esta carencia histórica”. A proposta pretende reactivar a cooperación institucional para concretar prazos e compromisos firmes sobre un proxecto que se considera clave para a provincia.

A segunda das mocións, centrada na aplicación efectiva do protocolo de protección de menores no deporte, tamén foi aprobada por unanimidade. O texto insta á Deputación a asumir un rol activo en colaboración cos clubs deportivos, coa finalidade de desenvolver accións formativas e mecanismos de seguimento que garantan a seguridade dos nenos e nenas que practican deporte. “A administración autonómica non ten proporcionado axuda suficiente aos clubs para a implantación efectiva do protocolo, limitándose a unha sesión de formación de escasas horas”, denunciou Vila.

A proposta socialista inclúe a incorporación destas accións ao programa OU DS Axenda 2030, como vía para promover un deporte máis seguro e comprometido coa infancia.

Ao remate do pleno, Álvaro Vila valorou positivamente o consenso acadado: “É unha gran satisfacción comprobar que as nosas propostas construtivas, baseadas no interese xeral da provincia e non en estratexias partidistas, teñen a capacidade de xerar consensos tan amplos que o resto de grupos se adhiran ás mesmas”.

Renovación no Grupo Provincial Socialista

O pleno comezou coa formalización da renuncia dos deputados socialistas Aurentino Alonso e Elvira Lama, como parte do acordo interno de renovación dos representantes do PSdeG-PSOE. Ambos aproveitaron a ocasión para facer balance do seu paso pola corporación provincial con discursos emotivos nos que puxeron en valor o seu compromiso co territorio.

Alonso, tenente de alcalde do Barco de Valdeorras, destacou que “durante este tempo procurei sempre defender os intereses do rural ourensán e das xentes de Valdeorras, porque entendo que a política debe estar ao servizo da cidadanía e non ao revés, e confío en que o traballo realizado contribúa ao desenvolvemento da nosa terra”.

Lama, pola súa parte, primeira muller en acceder á alcaldía de Xinzo de Limia, afirmou que “ser deputada provincial foi un privilexio que me permitiu coñecer de primeira man as necesidades e aspiracións de toda a provincia, pero sempre co corazón posto na miña comarca”.

Ambos recibiron o recoñecemento unánime dos grupos da Deputación. O seu voceiro, Álvaro Vila, agradeceu “a entrega e o compromiso demostrado por Aurentino e Elvira ao longo deste período, así como a súa xenerosidade ao cumprir cos acordos de renovación adoptados, permitindo a outros perfís aportar novas ideas e azos á institución provincial, e demostrando que o PSdeG-PSOE antepón sempre o interese xeral aos intereses particulares”.

 

⚙ Configurar cookies
0.17670297622681