O PSdeG de Ourense manifesta o seu apoio ás vítimas e reafirma a súa tolerancia cero contra o acoso

OurenseXa
A Secretaría Provincial manifesta o seu profundo rexeitamento tras as acusacións contra José Tomé e reitera que o PSOE é unha “organización feminista, comprometida e valente”
alvaro-vila
12 Dec 2025

A Secretaría Provincial do PSdeG-PSOE en Ourense expresou hoxe o seu apoio absoluto ás vítimas e reafirmou o seu compromiso coa política de tolerancia cero fronte ao acoso sexual cara ás mulleres, tras o caso de presunto acoso na provincia de Lugo.

Tras a reunión da Executiva Galega do partido celebrada en Santiago de Compostela e o comunicado do secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, a Executiva Provincial manifesta que as informacións recentes provocaron entre as súas filas unha profunda “tristeza, indignación e repugnancia” en toda a organización.

“Como organización feminista, comprometida e valente, a nosa primeira palabra é para as vítimas. Queremos que saiban que teñen o noso afecto, respaldo e solidariedade”, sinalan desde a executiva provincial, enfatizando que “no Partido Socialista defender ás mulleres fronte a calquera forma de violencia non é unha consigna, é unha convicción que nos define. Caia quen caia. Sen excepcións nin fisuras. Tolerancia cero fronte ao acoso e á violencia machista baixo calquera das súas formas”.

A Secretaría Provincial tamén sinalou a importancia de respectar os tempos e procedementos institucionais que marca a dirección galega do partido para garantir a correcta coordinación e o respecto aos dereitos de todas as persoas implicadas. Por iso, explican, agardaron á reunión da Executiva Galega para pronunciarse publicamente, seguindo as directrices do PSdeG-PSOE en Galicia e cumprindo cos protocolos que aseguran a seriedade e rigor necesarios diante dunha situación tan grave.

En relación con José Tomé, os socialistas ourensáns afirmaron que “xa non forma parte do partido tras solicitar a súa suspensión de militancia, anunciar a súa dimisión como presidente da Deputación de Lugo e abandonar os grupos socialistas na corporación provincial e no concello de Monforte de Lemos. Era o que debía facer, o que tiña que facer, e tamén é o que esiximos neste partido, xunto coa entrega das actas. Para o PSdeG-PSOE a exemplaridade non é un xesto retórico, senón unha obriga ética que debe traducirse en accións concretas e inmediatas cando as circunstancias o requiren”.

Ademais, reafirman o respecto absoluto cara ás vítimas e ao traballo do Órgano contra o Acoso do PSdeG-PSOE, que actúa con independencia e garante total anonimato para que as mulleres se sintan seguras á hora de denunciar e se respecten os seus dereitos en todo momento.

“Só defendendo sen medo a dignidade das mulleres estaremos á altura da nosa historia. Nestes momentos difíciles, un partido retrátase. Hoxe, coma sempre, situámonos do lado das vítimas e animamos a denunciar calquera conduta machista, veña de quen veña”, subliñan nun comunicado, no que insisten en que para o PSdeG-PSOE a defensa dos dereitos das mulleres é unha convicción que forma parte da súa identidade política e compromiso histórico coa igualdade e a xustiza social.

“O partido non cala, non se agocha nin se amedrenta. Defendemos a igualdade porque é a razón mesma da nosa existencia, porque representa o mellor da nosa tradición política. Os valores que nos definen como organización feminista e comprometida non se negocian nin se cuestionan en ningún momento. Por iso seguiremos avanzando, xuntas e xuntos, na defensa firme e sen concesións destes principios que nos guían e nos dan sentido como partido e que constitúen a base do noso proxecto político de transformación social”, concluíu Álvaro Vila Araújo.

⚙ Configurar cookies
0.084743976593018