O PSdeG de Ourense organiza dous actos este mércores para conmemorar os 50 anos de feminismo e democracia

O PSdeG-PSOE de Ourense organiza este mércores, 19 de novembro, dous actos para conmemorar os 50 anos de feminismo e democracia. Estes eventos forman parte das actividades programadas polas executivas provincial e local con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. A voceira adxunta da Comisión Executiva Federal do PSOE, Enma López, será a principal convidada en ambos os encontros.
O primeiro terá lugar en Ourense baixo o lema “50 anos, 50 voces feministas”. Neste acto participarán tamén Natalia González Beneitez, secretaria xeral do PSdeG-PSOE en Ourense, e arredor de 50 mulleres destacadas de distintos sectores sociais, culturais, deportivos, comerciais, colexios profesionais e movemento veciñal. O encontro celebrarase no mercado de Ponte Canedo e busca lembrar as conquistas en igualdade e liberdade desde a transición democrática, así como os retos pendentes. A secretaria de organización do PSdeG, Lara Méndez, tamén estará presente para facilitar un espazo de diálogo e reflexión entre referentes femininas da cidade.
Pola tarde, en Verín, celebrarase un segundo encontro no hotel-restaurante San Roque. Enma López participará nun parlamento organizado pola Executiva Provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, acompañada pola vicesecretaria xeral, Marina Vaz Quintillán, e pola secretaria de igualdade provincial, Eva Pérez Gamote. Baixo o título “Datos que falan de igualdade: 50 anos de liberdade”, analizarase o impulso á igualdade e a loita contra a violencia de xénero impulsada polo PSOE nas últimas décadas.
Desde a formación socialista animan á cidadanía da cidade e da provincia a participar nestas actividades e a sumarse ao debate e reflexión sobre a igualdade e a eliminación da violencia contra as mulleres.