O PSdeG de Ourense organiza un acto aberto á cidadanía para conmemorar o 95º aniversario da II República

OurenseXa
Será este martes, 14 de abril, no cemiterio de San Francisco
acto-psdeg-ourense-ii-republica
13 Apr 2026

As Executivas Provincial e Local do PSdeG-PSOE de Ourense, xunto coas Xuventudes Socialistas, conmemorarán este martes 14 de abril o 95º aniversario da proclamación da II República cun acto no cemiterio de San Francisco.

A cita terá lugar ás 11:30 horas e incluirá unha ofrenda floral diante do Memorial ás Vítimas do Franquismo, como homenaxe ás persoas que loitaron polos valores democráticos, a liberdade e a xustiza social. No acto intervirán a secretaria xeral da cidade de Ourense, Natalia González Beneitez; o secretario provincial, Álvaro Vila Araújo; o secretario de formación das Xuventudes Socialistas, Daniel Barredo; e o secretario provincial de Memoria Democrática, Xosé Lois Carrión.

Desde o PSOE ourensán subliñan a importancia desta data e lembran que “é de xustiza que dende o partido lembremos e rendamos homenaxe a todos aqueles homes e a aquelas mulleres socialistas e a todas as persoas antifascistas que impulsaron a democracia, e que posteriormente, sufriron por estes motivos a represión franquista e ata perderon a súa propia vida por defender a liberdade”.

As organizacións promotoras destacan tamén o papel histórico da II República, que consideran un período clave na evolución democrática do país. Neste sentido, sinalan que “acompaña na historia ao Partido Socialista e forma parte do ADN de todas as persoas socialistas”, ao tempo que poñen en valor as reformas impulsadas naquel momento en ámbitos como a educación, a igualdade ou a ampliación de dereitos e liberdades.

Desde o PSdeG-PSOE de Ourense e Xuventudes Socialistas inciden en que o 14 de abril “é unha data fundamental para o socialismo e para a historia democrática do noso país”, e destacan a necesidade de manter viva a memoria histórica.

O acto está aberto á cidadanía e pretende ser tamén un espazo de encontro, reflexión e recoñecemento colectivo arredor dunha das etapas máis significativas da historia contemporánea.

0.12717890739441