O PSdeG de Ourense organiza un acto aberto á cidadanía sobre a autonomía galega

A Executiva Municipal do PSdeG de Ourense e as Xuventudes Socialistas de Ourense celebrarán o vindeiro 20 de marzo un acto de reflexión sobre o autogoberno galego. O encontro, titulado ‘O PSdeG pola auténtica autonomía’, terá lugar ás 18.00 horas na sede socialista da rúa Ribeira de Canedo e está aberto á participación da cidadanía.
A iniciativa forma parte da programación coa que o socialismo galego conmemora os ‘45 anos de forza propia’ e busca xerar un espazo de debate sobre o papel que desempeñou o partido na construción e defensa da autonomía de Galicia.
Na xornada intervirán Fernando González Laxe, presidente da Xunta de Galicia entre 1987 e 1989; Margaríña Valderrama, exsecretaria de Cultura da Comisión Executiva Nacional Galega; e Isidoro Gracia, deputado no Congreso por Pontevedra entre 1979 e 1993.
Durante o acto abordaranse distintas etapas do autogoberno galego, analizando os avances acadados desde a posta en marcha da autonomía e os retos actuais para reforzala e avanzar cara a un modelo con maior capacidade de decisión para Galicia.
Desde o PSdeG de Ourense sinalan que a xornada pretende tamén poñer en valor a achega histórica do socialismo galego ao desenvolvemento da autonomía e ao progreso do país. O encontro preséntase como un espazo aberto para compartir memoria, análise política e reflexións sobre o futuro de Galicia.