O PSdeG de Ourense pide a creación dun plan estratéxico para impulsar o desenvolvemento económico da cidade
“Ourense está a pasar por momentos difíciles no económico e social. A falta de emprendemento está a frear as oportunidades de crecemento e emprego e o comercio local está en crise con moitos negocios pechando, especialmente no casco histórico e nos barrios da periferia”, sinala contundente a edil do PSdeG no Concello Alba Iglesias. Por este motivo, as e os socialistas levarán á vindeira sesión plenaria ordinaria do mes de xuño unha moción para a creación dun plan estratéxico e integral que impulse o desenvolvemento económico e se recupere o Centro de Iniciativas Empresariais (CIE).
A escasez de emprego e o limitado acceso a programas de formación profesional dificultan o establecemento dos mozos e mozas, o que desemboca na emigración e a perda de talento tal e como analizan na iniciativa para a que agardan acadar o respaldo do resto da oposición. “O obxectivo de recuperar o CIE debe ser o de crear un ambiente propicio para novas empresas e fomentar o emprendemento con formación, información e acceso a financiamento e unha simplificación da burocracia”, resume a concelleira.
Dito centro emprégase como edificio administrativo da área económica despois de máis de 15 anos de funcionamento para apoiar o nacemento e de empresas e emprendedores no municipio. Neste senso, as e os edís do PSdeG entenden primordial que se recupere este espazo e sexa utilizado para o propósito co que foi creado. “Consideramos que resultaría beneficiosa a posta en marcha dun Plan Estratéxico Integral para Promover o Crecemento Económico, a través de: programas de asesoramento; orientación na creación e xestión de empresas (incluíndo aspectos legais, financeiros e administrativos); formacións (con cursos e talleres sobre temas relacionados como márketing, contabilidade ou xestión de recursos humanos); networking (espazos e eventos para que as e os profesionais poidan conectar con outras e outros empresarios, investidores e mentores); áreas de traballo en infraestruturas como, neste caso, o CIE (con despachos, oficinas e salas de reunións); acceso a financiamento ou información sobre como obtelo (incluíndo subvencións, préstamos e contactos); ou a posibilidade de compartir recursos como equipos de oficina, tecnoloxía e servizos administrativos (o que reduce os custos operativos)”, recolle a iniciativa.
“Este tema é fundamental para Ourense porque revitalizar o comercio local non só detén a emigración, senón que tamén impulsa a creación de emprego, fortalece a economía e restaura a vitalidade e identidade da cidade”, remata a concelleira e secretaria xeral de Xuventudes Socialistas.