O PSdeG de Ourense pide ao Concello que escoite as súas propostas para sacar adiante os Orzamentos

OurenseXa
Piden aumentar as partidas destinadas ao benestar e anuncian que votarán en contra se non se cumplen as súas esixencias
psoe-concello-ourense-orzamntos-natalia-gonzalez-alba-iglesias
7 Jul 2025

Os socialistas do Concello de Ourense esixen ao Concello que elabore un Orzamento “con máis benestar e menos cemento” e que teña en conta as súas propostas para apoiar o proxecto proposto.

“Non podemos apoiar este proxecto dende un punto de vista técnico, porque non hai máis que ler o informe de intervención, pero moito menos dende un punto de vista político. Aínda que debemos ser construtivas e intentar que esta cidade non esmoreza por culpa de quen ostenta actualmente a Alcaldía”, sinala a portavoz do grupo municipal socialista no Concello de Ourense, Natalia González.

Dende o PSdeG de Ourense vinculan o seu respaldo do orzamento a que se acepten as súas propostas para mellorar un documento que consideran presenta deficiencias e non atende ás necesidades da terceira cidade de Galicia. “As emendas ao Orzamento que rexistramos poderían resumirse en: menos cemento e máis benestar, menos ocorrencias e máis planificación, menos débedas e mellor xestión económica”, condensou como as tres liñas básicas fundamentais.

Entenden as e os socialistas que o Orzamento é imprescindible, “pero non a calquera prezo e a aposta polo Benestar Social debe ser a primeira prioridade”. “Urxe incrementar partidas, como vimos defendendo nos últimos anos, para axudar ás persoas que máis o necesitan e ás entidades do terceiro sector que desenvolven un labor fundamental”, sinalou exemplificando coas partidas para libros e comedor escolar ou as asociacións que padecen retrasos nos cobros das axudas municipais.

Ademais, a portavoz engadiu que esixen a recuperación de partidas que levan anos reivindicando en eidos como Igualdade, Xuventude ou Saúde, cuxas carteiras se desmantelaron. “Cremos que fai falta vontade por parte do goberno de Gonzalo Pérez Jácome para sacar adiante un plan de saúde mental, programas de educación afectivo-sexual”, enumerou sobre algunhas propostas que xa solicitaron as e os socialistas nos plenos do Concello de Ourense.

O abandono dos barrios e o rural tamén quedan recollidos como unha prioridade nas propostas presentadas polo grupo municipal do PSdeG. Trátase doutro dos reclamos nos que máis insistiron, neste mandato e no anterior, fronte ao “abandono” e “desleixo” do executivo actual. As asociacións veciñais deberían poder propoñer as necesidades máis urxentes e as deficiencias que detectan no seu día a día.

“E se hai algo que nós defendemos e levamos por bandeira foi a creación dun plan de vivenda municipal real e efectivo dotado dunha contía orzamentaria importante, así como a creación de refuxios climáticos e a remodelación e acondicionamento de parques e espazos verdes que non gozan de boa saúde nos últimos tempos, xusto cando máis se está a precisar”, defendeu.

Por outra banda, as e os socialistas solicitan un informe á Tesourería Municipal no que se desglose de xeito pormenorizado a situación da liquidez real do Concello de Ourense para basear o seu plan de investimento na solvencia e en datos verificables e para destinar o Remanente de Tesourería a liquidar os compromisos adquiridos e a que o Período Medio de Pago a provedores do Concello de Ourense sexa inferior a 30 días no primeiro semestre do ano 2026. “Toda vez saldadas as débedas en materia de persoal, garantidos os pagos a provedores nun tempo inferior ao legal e saneados os servizos públicos básicos, a igualdade e o benestar social comezaría a abordaxe de Emprego, Comercio, Turismo e Infraestruturas, priorizando un enfoque ambiental para un desenvolvemento sostible”, explican.

“Deberiamos contar cun plan de investimentos en lugar de abocar o Remanente de Tesourería e a funcionar a expensas das arroutadas de Jácome a base de modificacións orzamentarias sen ningún tipo de planificación nin consenso político”, rematou a voceira, que advirte que se estes requisitos non se cumpren o voto do seu grupo será desfavorable.

⚙ Configurar cookies
0.15415000915527