O PSdeG de Ourense pide impulsar un plan de choque nos concellos afectados polas inundacións

OurenseXa
Solicitan un plan de acción para acometer arranxos nas estradas provinciais e unha liña de axuda extraordinaria para a reparación de infraestruturas municipais danadas, especialmente na comarca da Limia.
psoe-ourense-inundacions
11 Feb 2026

O Grupo Provincial Socialista na Deputación de Ourense defenderá no próximo pleno unha moción para impulsar un plan de choque co obxectivo de reparar infraestruturas viarias provinciais e habilitar axudas extraordinarias para os concellos afectados polas recentes inundacións.

O portavoz socialista, Álvaro Vila, desprazouse ata o límite entre Rairiz de Veiga e Porqueira xunto á alcaldesa de Rairiz, Asunción Morgade, onde puideron comprobar como o río Limia volvía a ameazar con desbordarse sobre a estrada que conecta ambos concellos. A escena, segundo explicou Vila, repítese en distintos puntos da comarca, con vías cortadas, vivendas anegadas e explotacións agrícolas gravemente prexudicadas.

"Estamos ante unha situación de emerxencia real que non admite máis pasividade institucional", afirmou o portavoz socialista, quen lembrou que a institución provincial é competente na rede viaria provincial. Neste sentido, sostivo que a Deputación "ten a obriga legal e moral de cooperar cos concellos que non poidan afrontar por si mesmos os custos extraordinarios desta desfeita".

As intensas borrascas deste inverno, advirten os socialistas, provocaron danos de grande magnitude. Desde o sector primario apuntan perdas próximas ao 80 % na colleita de cereal de inverno, mentres que amplas superficies agrícolas quedaron cubertas pola auga, evocando a antiga Lagoa de Antela. Concellos como Xinzo de Limia activaron o seu plan municipal fronte ao risco de inundacións e noutros, como Sandiás, Porqueira, Vilar de Santos, Baltar ou Trasmiras, a auga chegou a superar os umbrais das vivendas e a cortar accesos a núcleos de poboación.

Desde o ámbito municipal, a alcaldesa de Rairiz de Veiga advertiu da falta de medios para facer fronte á situación. "Os concellos da Limia están sós ante unha situación que os desborda", denunciou Morgade, quen subliñou que os concellos non dispoñen de capacidade técnica nin presupostaria suficiente para asumir as reparacións, tramitar axudas doutras administracións e atender ao mesmo tempo as necesidades veciñais. Por iso, reclamou que a Deputación "estea á altura do seu papel e bote unha man de xeito real e concreto".

A iniciativa socialista propón, por unha banda, a posta en marcha dun plan específico de inspección, reparación e acondicionamento das estradas provinciais danadas, con consignación presupostaria propia, e por outra, a creación dunha liña extraordinaria de axudas para os concellos da Limia destinada a infraestruturas locais afectadas, con tramitación simplificada e apoio técnico e xurídico por parte da institución provincial.

"Non pedimos nada que non sexa razoable e que non sexa, sobre todo, xusto. Pedimos que a institución provincial cumpra coas súas obrigas con esta comarca que leva demasiado tempo sufrindo soa", concluíu Álvaro Vila.

⚙ Configurar cookies
0.080590009689331