O PSdeG de Ourense pide un pleno extraordinario para blindar os dereitos democráticos da Corporación

OurenseXa
Os socialistas buscan abrir un debate institucional para reforzar as normas de funcionamento e a participación política
reunion-psoe-ourense
6 Mar 2026

O grupo municipal do PSdeG-PSOE de Ourense no concello de Ourense solicitará nos próximos días a convocatoria dun pleno extraordinario co obxectivo de reforzar as garantías democráticas no desenvolvemento das sesións plenarias municipais.

A iniciativa xorde despois de que a formación socialista tivese que recorrer á vía xudicial para que se recoñecese o que consideran un funcionamento normal da institución municipal. O propósito da proposta é abrir un espazo de diálogo político que permita revisar e, se fose necesario, actualizar o regulamento que ordena a actividade do pleno.

A voceira socialista, Natalia González, avanzou que se rexistrará unha petición formal para a celebración desta sesión extraordinaria, documento que será trasladado ao conxunto dos grupos que integran a corporación municipal.

Segundo explicou, a intención é impulsar un debate institucional que favoreza a modificación das normas internas de funcionamento co fin de garantir que nunca se poida limitar ou vulnerar o dereito fundamental á participación política dos concelleiros e concelleiras.

A proposta cobra maior relevancia tras a lectura, no pleno ordinario do mes de marzo celebrado esta mañá, da sentenza que condena ao alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, por vulneración de dereitos fundamentais da portavoz socialista no exercicio das súas funcións como representante municipal.

Os socialistas lamentan, ademais, que o rexedor reiterase en diferentes ocasións que o ditaminado polas instancias xudiciais non se axusta á realidade, chegando a formular publicamente a pregunta: “¿A quen van crer, á xuíza, a Natalia ou a min?”, en referencia ás tres resolucións xudiciais que recoñeceron os argumentos da representante do PSdeG-PSOE.

Desde o grupo municipal socialista insisten na necesidade de aproveitar este escenario para fortalecer o marco normativo que regula as sesións plenarias e asegurar o respecto estrito aos dereitos democráticos de todas as persoas que forman parte da corporación.

“O respecto institucional non pode depender de decisións políticas nin de interpretacións interesadas. A garantía dos dereitos de participación é unha obriga democrática que debe estar protexida en todo momento”, subliñou González, que tamén exerce como secretaria xeral socialista en Ourense.

0.1205370426178