O PSdeG de Ourense ponse a disposición dos emigrantes retornados con problemas co cobro das pensións

Varios emigrantes retornados de Alemaña e residentes na provincia de Ourense están a ter dificultades para percibir as súas pensións desde o pasado mes de xaneiro, segundo informa o PSdeG-PSOE de Ourense a través da súa secretaría provincial de migracións.
As incidencias afectan principalmente a pensionistas que reciben as súas prestacións do sistema alemán e que teñen domiciliado o cobro en oficinas do Banco Santander, anteriormente clientes do Banco Pastor, Banesto ou Banco Popular. Dende a área de migracións explican que o problema xurde cando non se actualiza correctamente a nova conta bancaria antes do 31 de decembro, o que provoca que o organismo pagador alemán, Deutsche Post, non recoñeza a antiga conta e rexeite os pagamentos.
A maioría das persoas afectadas recibiron correspondencia de Deutsche Post con impresos en alemán e en español para tramitar a actualización bancaria, pero en certos casos a situación é máis complexa: algúns pensionistas non residen actualmente no domicilio que figura na Seguridade Social alemá, ben porque viven con familiares noutra cidade ou están ingresados en residencias de maiores, co que a correspondencia pode permanecer durante moito tempo sen ser recollida.
“Estamos atendendo varios casos de emigrantes retornados que levan meses sen cobrar a súa pensión por unha incidencia administrativa que pode resolverse se se tramita correctamente a actualización da conta bancaria”, explica Teresa Barge Dapía, secretaria provincial de migracións. “Por iso poñemos a área de migracións a disposición das persoas afectadas e das súas familias para axudarlles a resolver esta situación o antes posible”, engade.
A secretaría provincial tamén está a prestar asesoramento aos familiares e aos responsables de centros de maiores, facilitando os impresos necesarios que se poden descargar desde a páxina web de Deutsche Post para confirmar a nova relación bancaria. Ademais, lembran que o Goberno alemán anunciou unha subida oficial das pensións do 4,24 % a partir do próximo xuño, o que suporá un incremento do 12,55 % desde o ano 2024.
Para calquera consulta sobre casos similares, a secretaría provincial de migracións do PSdeG-PSOE de Ourense ponse a disposición das persoas afectadas e das súas familias para ofrecer asesoramento e apoio na tramitación da documentación necesaria.